Enfermeiras de atención primaria denuncian o "desabastecemento" de vacinas contra a gripe

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) avisa de listas de espera de dúas a tres semanas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) denunciou o "desabastecemento" de vacinas antigripais e os problemas na xestión da campaña de vacinación nos centros de atención primaria. O colectivo indicou que a situación empeorou a partir da segunda semana da campaña (desde o 19 de outubro en diante), cando se empezaron a rexistrar as primeiras incidencias.

Vacina contra a gripe
Vacina contra a gripe | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

O "desabastecemento" e unha "planificación inadecuada", explican, está a xerar listas de espera de dúas a tres semanas para poder vacinarse. Agefec matiza que este atraso non ten "ningunha importancia" desde o punto de vista epidemiolóxico, pero advirte de que si xera unha "destacada preocupación e ansiedade" na poboación.

A crise da Covid-19 influíu, segundo apuntan, no aumento da demanda da vacina por parte dos colectivos de risco e moitos dos que rexeitaban a vacina en anos anteriores (poboación pertencente a grupos de risco, conviventes dos mesmos e profesionais de risco), están a demandala este ano, explican.

Esta organización de enfermeiras de atención primaria incidiu na "falta de claridade por parte das autoridades públicas e as mensaxes contraditorias dos medios de comunicación" respecto de quen debe vacinarse.

Agefec resaltou a "planificación inadecuada e incorrecta" respecto ao sistema de provisión de vacinas sen ter en conta a "forte campaña informativa e o interese crecente da poboación" e en canto á loxística -o calendario de subministración nos centros de saúde e a capacidade limitada de almacenamento das vacinas en óptimas condicións-.

Os profesionais denunciaron tamén "a sobrecarga de traballo innecesaria" que supón revisar as novas citas de vacinación e "o incremento da violencia verbal cara aos profesionais" ao ser eles "os que dan a cara ante a poboación por un problema alleo".

A entidade apelou á administración "para que mellore as canles de distribución e almacenamento das vacinas e teña en conta as achegas realizadas polos profesionais". Ademais, lembrou á poboación que "haberá vacinas para todos os pacientes en grupo de risco e que a responsabilidade non é dos profesionais, polo que non está xustificada a violencia verbal baixo ningunha circunstancia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta