Bugallo avisa que a incidencia da COVID é "elevadísima" en Santiago aínda que afirma ter "esperanzas"

Tamén celebrou que por "primeira vez nun mes" unha semana empeza "con menos casos activos" que a inmediatamente anterior, posto que se este domingo a incidencia da COVID era de 455 por cada 100.000, este martes é de 416.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera que os últimos datos da pandemia do coronavirus na cidade "dan esperanza", aínda que "non son suficientes como para ser optimistas" porque a incidencia, de 416 casos por 100.000 habitantes este martes, aínda é "elevadísima".

Na rolda de prensa de presentación da 34ª edición do festival 'Cineuropa', o rexedor compostelán volveu a apelar á "responsabilidade" dos cidadáns porque queda "moito camiño por percorrer" e a cidade aínda está "moi lonxe de recuperar ningunha normalidade".

No entanto, tamén celebrou que por "primeira vez nun mes" unha semana empeza "con menos casos activos" que a inmediatamente anterior, posto que se este domingo a incidencia da COVID era de 455 por cada 100.000, este martes é de 416.

"Cremos que pode ser consecuencia das medidas que se adoptaron hai unha semana", recoñeceu Bugallo, quen ademais lembrou que na capital galega as reunións continúan restrinxidas a persoas convivientes. "E cando se fala de conviventes quere dicir os que conviven, non a familia", recalcou.

Estas medidas implantadas desde a Consellería de Sanidade son, nas súas palabras, un "sacrificio enorme" tanto para os cidadáns como para a súa hostalaría, posto que os bares teñen prohibido servir no interior e só fano na terraza cun aforamento reducido á metade.

"Pero os datos que temos permítennos dicir que está a valer a pena facer este esforzo e sacrificio", sentenciou Bugallo.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta