O TSXG rexeita obrigar á Xunta que se impartan aulas en liña e permitir o absentismo escolar pola covid

Os maxistrados lembran que este tipo de medidas só é posible adoptalas "se se pon de manifesto unha urxencia especial ou extraordinaria, isto é, de maior intensidade á normalmente esixible para a adopción das medidas cautelares".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou impor á Consellería de Educación a adopción das medidas cautelarísimas solicitadas por unha das familias contrarias a que os seus fillos asistan a clase de forma presencial durante a pandemia da covid-19.

O alto tribunal galego rexeita ordenar á Xunta "a implementación dos mecanismos en liña que sexan necesarios para evitar todo contacto físico con persoal docente alleo aos fogares dos menores", así como "o cesamento da tramitación dos protocolos de absentismo ou, no seu caso, a non incoación de tales protocolos durante a tramitación do procedemento xudicial".

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo explica na resolución que nesta fase do procedemento non lle corresponde ao tribunal entrar a valorar a cuestión de fondo, algo que "queda reservado á sentenza". Neste auto só se pronuncia sobre a solicitude desas medidas cautelarísimas esixidas por unha das familias demandantes.

Os maxistrados lembran que este tipo de medidas, que se adoptan sen ouir á parte contraria, é dicir, ás consellerías de Educación e de Sanidade, só é posible adoptalas "se se pon de manifesto unha urxencia especial ou extraordinaria, isto é, de maior intensidade á normalmente esixible para a adopción das medidas cautelares".

Os xuíces lembran que nesta fase "tan prematura do procedemento", o seu labor está limitado a comprobar se concorre a existencia de especial urxencia, algo que considera que non acreditou a parte solicitante das medidas cautelarísimas.

O TSXG subliña que "non se pode acceder á pretensión" porque non hai urxencia, xa que "detrás de todas as medidas que establece a Xunta, incluídas as que agora son obxecto de impugnación, subxace o interese en evitar a aglomeración de alumnos, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos brotes e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención".

A non asistencia aos centros educativos que esixen os demandantes, así como o cesamento de tramitación dos protocolos de absentismo, segundo recalcan os maxistrados, "constitúe a cuestión de fondo, cuxo enxuizamento non pode anticiparse en ningún incidente cautelar do tipo que sexa".

RESOLVERÁ O SUPERIOR

No auto, o TSXG ordena continuar coa tramitación do procedemento como medida cautelar. Por tanto, examinará as alegacións da Xunta, algo que non se permite nas medidas cautelarísimas, e decidirá se toma ou non as medidas solicitadas pola parte demandante.

O Superior resolverá de forma individual sobre cada unha das peticións e demandas das familias contrarias a que os seus fillos e fillas asistan a clase de forma presencial porque cada caso ten unhas características concretas.

Aula, colexio, foto de arquivo. EUROPA PRESS
Aula, colexio, foto de arquivo. EUROPA PRESS | Fonte: MARÍA JOSÉ LÓPEZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta