A Xunta e a Armada colaboran na extracción dun canón de bronce do século XVI da enseada de Mugardos

A peza será trasladada ao Museo Naval de Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisou este martes a actuación realizada na enseada de Mugardos para recuperar un canón de bronce do século XVI. Trátase dunha intervención na que o Goberno galego colabora coa Armada Española e que permite rescatar e documentar unha importante peza do patrimonio arqueolóxico subacuático que podía correr risco de espolio.

A Xunta e a Armada colaboran na extracción dun canón de bronce do século XVI na enseada de Mugardos
A Xunta e a Armada colaboran na extracción dun canón de bronce do século XVI na enseada de Mugardos | Fonte: Xunta.

Así, nesta xornada, membros da Unidade de Mergullo de Ferrol, nun equipo liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, desprazáronse ata o punto no que se atopaba o canón, unha peza afundida desde antes de 1579 cuxo orixe máis probable apunta a un naufraxio dunha embarcación ou que se arroxasen pola borda pezas de gran peso para evitar un afundimento.

O canón de bronce, así como o total dos elementos extraídos nesta xornada, serán trasladados ao Museo Naval de Ferrol, onde serán restaurados para, posteriormente, ser expostos dado o seu importante interese.

Na visita á unidade militar de Ferrol, a representante da Consellería de Cultura destacou a importancia destes traballos que permiten "salvagardar a integridade dun ben do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia", así como "contribuír á protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio subacuático".

Nesta mesma liña, lembrou que esta actuación se integra dentro dun proxecto desenvolvido en colaboración coa Armada Española e no que tamén se enmarca a intervención levada a cabo durante tres semanas no pecio San Giacomo de Ribadeo, finalizada o pasado venres despois de localizar elementos de especial relevancia como unha cureña naval, unha gran cantidade de munición de pedra e ferro e varias pezas de cerámica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta