Xornadas gastronómicas de outono en Allariz

O concello e a hostalería local organizan "Allariz sabe a Outono", actividade de promoción e apoio á restauración para gozar dos mellores produtos de tempada durante dúas fins de semana: 7, 8, 14 e 15 de novembro.

Por X.M. Fernández | Allariz | 06/11/2020 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

A vindeira fin de semana celebraríase en Allariz a 25 edición da súa “Feira de Outono”. A situación sanitaria actual provocou a súa cancelación pero decidiuse, entre hostalería e concello, que se mantiveran as xornadas gastronómicas arredor dos produtos de outono

Cesta de cogomelos. Foto: XMF
Cesta de cogomelos. Foto: XMF

Dende o equipo de goberno local falan de "compromiso coa nosa riqueza agroalimentaria e culinaria, máis sostible e saudable que nunca, e que pon en valor as empresas e profesionais; pequenos produtores que día a día contribúen á identidade da gastronomía da zona".

Estas xornadas gastronómicas, anunciadas baixo o título de "Allariz sabe a outono", terán lugar durante dúas fins de semana, esta que se achega do 7 e 8 de novembro, e tamén a seguinte, 14 e 15. Nesas datas, uns dezaseis establecementos ofertarán menús e tapas de temática de outono, dende cogomelos e castañas, tortas de cabaza ou xabarín estufado, ata cocido e sobremesas de tempada. .

A novidade deste ano, comentan dende a organización, é a posibilidade de levar os menús para a casa, unha medida que vai cos tempos, "adaptándose ás circunstancias cousa que a hostalería local fixo dende o primeiro momento", engaden.

Dende o concello animan á cidadanía a que participen nestas xornadas, ben nos establecementos seguindo todas as medidas hixiénico sanitarias recomendadas ou encargando os seus menús e degustándoos tranquilamente na súa casa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta