Orzamentos para dependencia: un dereito sobre o papel, unha espera que custa vidas

O primeiro goberno de Rajoy decidiu recortar axudas á dependencia mediante real decreto. Desde ese momento as persoas dependentes viron diminuir cando non rexeitar, as axudas que pola lei de Dependencia de 2006 lles correspondían. Logo de oito anos, as estimacións apuntan a necesidade de incrementar en 1.500 millóns os orzamentos para esta área.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/11/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Asociación Estatal de Directoras y Gerentes de Asuntos Sociales (AEDGAS), declara que segundo os rexistros das Comunidades Autónomas, o investimento en 2019 para Dependencia foi de 8.607 millóns de euros. Case o 84% deste orzamento (7.221 millóns) viña dos orzamentos autonómicos, mentres que o 16% restante (1.386 millóns), procedía do Estado. Para AEDGAS as achegas estatais foron insuficientes, sinalando que foi “a porcentaxe máis baixa aportada desde o comezo da lei” de Dependencia do ano 2006. Ata que non se aproben os orzamentos de 2021, Dependencia seguirá sendo unha área con escasa presenza orzamentaria.

Dependencia
Dependencia

RECORTES EN DEPENDENCIA

O Real  Decreto-lei  20/2012,  de 13 de xullo, sinalaba que os datos sobre dependencia “mostran que debe corrixirse unha situación que pon en risco a sustentabilidade do Sistema que, ademais, trouxo consecuencias prexudiciais para o emprego e a viabilidade dos sectores produtivos de servizos relacionados coa dependencia”. Desta maneira, o goberno de Rajoy aplicaba medidas de “austeridade” en consonancia coas directrices enviadas desde a UE, sobre todo desde Berlín.

“Porcentualmente o investimento en dependencia diminuiu durante o último ano e relativamente aumentou porque se está atendendo a un número maior de persoas”. Aínda que poda parecer contraditorio, a AEDGAS explica que en 2019 se ben houbo unha diminución do gasto en dependencia por parte do Estado, houbo un incremento de partidas en paralelo ao incremento de persoas valoradas como dependentes.

As políticas económicas dos gobernos do PP, que se senten aínda coa prórroga dos “Orzamentos Montoro”, tiveron consecuencias como unha fenda notable entre CCAA en relación ao gasto para persoas dependentes. Así, Euskadi gastaba 386€ por persoa, a que máis, e Canarias, 95€ por persoa, a que menos. Galicia era a penúltima en gasto con 142€, superada por Baleares con 143€. “Canarias triplicou durante 2020 o gasto por persoa” din de AEDGAS, que ademais explican estas diferenzas polo “desenvolvemento paupérrimo durante catorce anos da Lei de Dependencia”.

ORZAMENTOS 2021 E LISTAS DE ESPERA

Os orzamentos para 2021 incrementarán en 600 millóns o gasto do Estado para desenvolver a Lei de Dependencia. Con todo os profesionais da Administración central consideran que o investimento debera ser de 1.500 millóns de euros, como mínimo para atender as necesidades logo de varios anos de recortes.

A cantidade “mínima” de 1.500 millóns de euros que debera aportar o Estado, sería unha achega para permitir atender listas de espera para avaliación de dependencia. Porque actualmente as CCAA están tendo dificultades para xestionar unhas  listaxes que suman máis de 200.000 persoas dependentes xa valoradas e a esta cifra deben sumárselle case 150.000 persoas aínda en proceso de avaliación.

Non obstante, algunhas administracións apuntan reducións nas súas listas de espera por dar entrada a novas persoas beneficiarias. O que poucos din é que esa redución tamén se debe ao “falecemento de persoas que estaban esperando avaliación, xente moi vulnerable, co máis de 80 anos e posiblemente con dependencias de grao 2 ou 3”. En total, 43.000 persoas morreron mentres esperaban valoración segundo datos do Observatorio da Dependencia, cunha media de 80 falecementos por día en todo o Estado.

GALICIA, TODO BEN, GRAZAS, MENOS O GOBERNO

En contraste coa posición de organismos profesionais, a Consellería de Política Social despregou unha serie de datos en resposta a unha batería de preguntas desde Galicia Confidencial. A primeira resposta foi a da construción das sete novas residencias co finanzamento a Fundación Amancio Ortega, coas que esperan ter 900 prazas  públicas. O departamento de Fabiola García apunta tamén en dirección positiva o incremento dos orzamentos durante os últimos once anos “un 92% para este fin”, e sinala o total do último ano, 381 millóns de euros.

A irrupción da COVID mobilizou recursos de todo tipo por parte das administracións públicas. A Xunta, segundo Política Social “impulsou o Servizo de Axuda no Fogar extraordinario” con 500.000 horas mensuais para os concellos por un valor de 6 millóns de euros. Á  parte están o Xantar na Casa Extraordinario ou o Bono extraordinario para contratar coidadores a domicilio.

Cando falamos de investimentos e gastos para a área en cuestión, Política Social defende que Galicia é a terceira comunidade “con mellor ratio de atención á dependencia, cun 92,2% de beneficiarios”. Insisten ademais que das 67.260 persoas que teñen dereito a unha prestación por dependencia, “62.039 están sendo atendidas a través do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia”. Isto significa “dez puntos máis que a ratio estatal que é do 82,5%”.

E sobre o desenvolvemento da propia Lei de Dependencia, a resposta é que “Galicia asume tres de cada catro euros dos gastos en dependencia, mentres o Goberno central deixa sen achegar 200 millóns de euros ao ano”. O que non aclaran desde a consellería que dirixe Fabiola García é se a falta de achegas vén xa desde o 2012, cando comezaron os gobernos de Rajoy, ou se só contabilizan desde 2018, cando Pedro Sánchez asumiu a presidencia do Goberno. Si lembran que a “normativa establece o copago por parte do Estado, é dicir, o 50% do seu custe. Actualmente financia tan só 24%, un 8% menos que en 2009”.

A dependencia está por desenvolver. A pesar de que, segundo profesionais das administracións públicas apuntan que sería un segmento laboral que crearía postos de traballo, xeraría retornos millonarios en IRPF, IVE, etc., os mesmos profesionais preguntan por que non se desenvolve plenamente a lei de 2006.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

As contas do Gran Capitán... Dependencia, exclusión social, menores non acompañados, pobreza enerxética, axudas dirixidas ás vítimas de violencia de xénero, comedores escolares, RISGAs, IMV para pobres, ERTES, e todo un Sistema de Reparto Desigual no que se perden centos de millóns polo camiño (?) Non sería xa o momento de poñer na axenda unha Renda Básica Universal (?) Estaríades de acordo en pagar un 50% de IRPF para rematar coa miseria e cambiar o futuro ? Gostaríame coñecer a vosa opinión https://twitter.com/00Gamela/status... Será que estamos máis contentos cando nos ROUBAN o 39% e llo dan aos seus amigos ?

2 Arteixá

Aquí hai unha trampa evidente: a enorme maioría do gasto realizado pola Xunta en dependencia acaba en mans privadas. Ata o extremo de que os asistentes sociais, cando tras UN ANO de media che conceden o grao de dependencia e podes pedir praza en residencia ou asistencia a domicilio, dách e unha vergonzosa lista de residencias privadas e anímante a pedir a axuda para pagara privada porque “las públicas están muy saturadas y no te van a dar plaza”. E no tema de asistencia domiciliaria 24 horas, tes que escoller unha axencia de coidados privada, por suposto, entre as concertadas coa Xunta. CONSECUENCIA: sabendo estas empresas que a Xunta dá axudas, suben os prezos e vai o comido polo servido. Por que non investigades que parte do gasto vai ao sector privado e cal ao público?

1 Lois F.

En cambio, los diputados gallegos de todos los colores se siguen forrando: http://www.es.parlamentodegalicia.e...