O Concello da Coruña pide declarar BIC a Casa Cornide por ser "patrimonio pétreo" doutros

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, celebra que a familia Franco "acate" a sentenza sobre o pazo de Meirás.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/11/2020 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña presentou á Dirección Xeral de Patrimonio o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, propiedade da familia Franco, por, entre outros descubrimentos, ser "patrimonio pétreo" doutros edificios, segundo o estudo histórico-artístico realizado por varios expertos.

O profesor universitario Alfredo Vigo Trasancos, que encabezou o proxecto, conclúe, pois, que o edificio é o "testemuño pétreo" doutros inmobles: o propio domicilio de José Cornide, figura "capital" da Ilustración española; do Hospital da Caridade da Coruña, que fundou Teresa Herrera, e do Hospital Real de Santiago, actual Hostal dos Reis Católicos.

Na presentación do estudo, o experto explicou que con materiais do desaparecido Hospital da Caridade ampliouse o edificio e unha escaleira interior e apuntou que no salón principal hai dous arcos de pedra que "é probable", argumentou, que proveñan do Hospital Real de Santiago cando se reformou, e que son de estilo tardogótico.

O estudo tamén destaca que a casa ten ou tivo un "patrimonio moble" valioso. No "zaguán", dixo, o propio Cornide gardou unha pedra cunha inscrición que "conmemoraba" a restauración da Torre de Hércules de 1685, que agora está no Museo Arqueolóxico. E tamén estiveron "almacenadas" durante unha década, afirmou, as estatuas do Pórtico da Gloria que agora están no pazo de Meirás.

"Monumento xa o é, pero esperemos que agora teña a declaración oficialmente", desexou Vigo Trasancos, que considera que o inmoble é "excepcional", dixo, polas súas "formas curvas", que evidencian as súas influencias francesas. Hai exemplos "paralelos", engadiu, no país galo.

PRAZOS

A empresa Tornos, cun equipo de nove persoas, tamén realizou un informe complementario para achegar o expediente. O responsable desta parte do informe, Santiago Vázquez, explicou que a documentación será estudada polos técnicos da Consellería de Cultura, que tamén requirirá informes de institucións "alleas".

Se no prazo de seis meses non hai contestación, dixo, quedará desestimada a petición do Concello. No caso de que a Xunta si que admita as pretensións do Goberno local, a decisión iría ao Consello da Xunta e despois a Casa Cornide sería declarada BIC por decreto. Mentres, alertou o experto, o edificio está protexido polo plan urbanístico da cidade, pero só no seu exterior e lembrou que está á venda nun portal web inmobiliario.

A alcaldesa, Inés Rey, remarcou o "compromiso" do Goberno local coa recuperación da memoria histórica a través deste "exemplo" e para reverter os bens que, sinalou, "foron expoliados e que queremos que revertan en patrimonio público". Pola súa banda, o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, mantivo que varios técnicos traballan desde hai "moitos meses" en preparar a documentación para acudir á xustiza a esixir a devolución do edificio, sen ofrecer ningunha data concreta para iniciar este proceso.

PAZO DE MEIRÁS

Rey dixo "celebrar" que a familia Franco "acate" a sentenza sobre o pazo de Meirás e considera que é o "primeiro paso" para a recuperación da casa para a cidadanía. Segundo a alcaldesa, a situación é "unha anomalía democrática" e criticou a "confusión" que existe aínda na actualidade sobre "a condición de xefe de Estado e a de persoa física" de Franco.

"Non está demais que se aclare nalgún momento de onde vén semellante patrimonio", manifestou en referencia á familia do ditador. Rey considera que Meirás é outro "caso flagrante", como o da Casa Cornide, de "como facían que o patrimonio público fose para o seu propio goce".

Casa Cornide. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo
Casa Cornide. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta