O BNG reclama unha "estratexia de país" para a captación de fondos europeos

Piden "transparencia" na xestión dos fondos e que participen os concellos e que pequenas e medianas empresas poidan acceder.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz da formación nacionalista en Europa, Ana Miranda, compareceron este mércores para reclamar unha "estratexia de país" con respecto á captación de fondos europeos de reconstrución, sen esquecer as outras partidas que tamén se están negociando en Europa.

Así, as dirixentes nacionalistas galegas reclamaron un comité para a selección dos proxectos, nos que participe en propio Parlamento, ademais da Xunta e persoas expertas para "realmente seleccionar proxectos que permitan avanzar" a Galicia.

O BNG aposta, deste xeito, por acordar esta estratexia na Cámara autonómica, para que Galicia "non sexa discriminada" e o "centralismo madrileño non quede co león" das partidas, dixo Pontón, que cifrou nun 9 por cento o que debería recibir Galicia, uns 12.600 millóns de euros de fondo covid da UE --Next Generation--.

Con todo, Pontón mostrouse consciente de que non é un fondo que sexa a "panacea, nin vai resolver todos os problemas" de Galicia, pero hai que "conseguir unha repartición xusta para a reactivación económica e social". "É fundamental despregar unha estratexia de país para evitar que os recursos se centralicen desde Madrid", salientou, antes de reclamar tamén un "plan de rescate urxente" para salvar da "ruína" aos autónomos e, especialmente, ao sector da hostalaría e tamén ao da cultura.

"A resposta do Goberno non pode ser que en 15 días xa veremos. Seica o Executivo de Feijóo non sabe o que está en xogo?", preguntouse Ana Pontón na rolda de prensa, na que pediu que cada euro que invista a Xunta sexa para "crear músculo industrial e facer de Galicia un referente en innovación, apostando pola sustentabilidade e por aproveitar o potencial produtivo".

EFICACIA

Pola súa banda, Ana Miranda tamén se referiu á necesidade da "eficiencia" no uso dos fondos e, tras cuestionar a "boa xestión" de Feijóo, denunciou que "deixou sen gastar unha parte moi importante dos fondos europeos convencionais no marco financeiro 2014-2020", o que fai "perder oportunidades" a Galicia.

A modo de exemplo, a portavoz do Bloque en Europa fixouse en que, no caso do Feder, o Goberno galego só gastou o 37 por cento dos fondos comprometidos; un 38 por cento no caso do FSE e un 55% do Feader.

Ademais, Miranda censurou a "falta de transparencia" nos "supostos 108 proxectos" para concorrer aos fondos covid anunciados "por un Goberno que é un mal xestor dos fondos europeos e que agora repite anuncios no aire". A futura eurodeputada tamén pediu a participación dos concellos nos fondos de reconstrución e das pequenas e medianas empresas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, en rolda de prensa este mércores
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, en rolda de prensa este mércores | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta