O PP consegue sacar unha iniciativa para reclamar ao Goberno posibilitar os desaloxos de okupas en 12 horas

A encargada de defender a iniciativa foi a deputada do PPdeG Paula Prado, que defendeu que traer esta iniciativa supón estar "cos problemas reais da xente" fronte "ás acusacións de crear un problema onde non o lay" que foron lanzadas polos grupos da oposición.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O PPdeG sacou adiante grazas á súa maioría absoluta unha iniciativa parlamentaria aprobada en comisión coa que a Cámara galega reclama ao Goberno central o reforzo da lei contra as ocupacións de vivendas e, en concreto, que se habilite a posibilidade de que as forzas da orde procedan ao desaloxo nun prazo de 12 horas desde a denuncia.

A proposición non de lei foi aprobada na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia celebrada este mércores e na que os grupos da oposición acusaron aos populares de facer "demagoxia" cunha problemática que cren "aumentada" polos partidos "de dereita". O BNG votou en contra e o PSdeG abstívose.

En concreto, a iniciativa aprobada insta o Goberno central a "reforzar" as medidas legilslativas para proceder ao desaloxo de vivendas ocupadas ilegalmente para que poidan levar a cabo nun prazo de 12 horas desde a presentación da denuncia, así como a modificar o artigo 245 do Código Penal para "adaptar o tipo penal de usurpación á situación actual".

Ademais, segundo o texto, o Parlamento tamén solicita que se acometan as reformas para a celebración de xuízos rápidos en menos de 48 horas e prohíbir que as persoas que ocupen de forma ilegal unha vivenda que poidan empadroarse nesa dirección.

A encargada de defender a iniciativa foi a deputada do PPdeG Paula Prado, que defendeu que traer esta iniciativa supón estar "cos problemas reais da xente" fronte "ás acusacións de crear un problema onde non o lay" que foron lanzadas polos grupos da oposición.

"Cada vez son máis os que sofren os delitos de usurpación de vivenda", sinalou Prado, que instou aos deputados de BNG e PSdeG a "coller calquera xornal" para "ver noticias todos os días" acerca de casos de ocupación, un problema que "afecta a toda España" pero "a Galicia particularmente".

Ademais, tras asegurar que "algúns" dos protagonistas de ocupacións "pasean" en coches de alta gama, co que quixo desligar estas situacións a persoas con falta de recursos económicos, Prado puxo o acento nos "problemas" derivados que, di, carrexa a ocupación de vivendas nas zonas onde se producen, con "conflitos nos barrios", "agresións físicas e sexuais" e "todo tipos de problemas de inseguridade".

"Non consideramos que haxa os mecanismos xurídicos suficientes para protexer aos propietarios", dixo Prado, que denunciou que "a lentitude" nos procedementos de primeira instancia leva a que os procesos de recuperación se dilanten no tempo.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

"Un premio Pullitzer non vai recibir, pero igual dálle para unha película desas de domingo pola tarde", espetou a deputada socialista Paloma Castro na súa quenda de intervención durante o debate dunha inciativa que encadrou no que considera "unha campaña de medo da dereita" que pretende "facer crer que hai un problema de ocupación".

Para a socialista, o PP trata de "magnificar" este problema en todo o país "por intereses políticos" e "tamén económicos", pois, di, "detrás disto están as grandes empresas deste país" nos negocios inmobliarios e tamén dos sistemas de seguridade.

Pola súa banda, o parlamentario do BNG Iago Tabarés, que advertiu que un total de 226.000 persoas atópanse en risco de exclusión social severa e que a vivenda constitúe "a primeira causa" para chegar a esta situación.

Ademais, sinalou que a ocupación de vivendas constitúe un problema "cualitativo" pero non "cuantitativo" e, como exemplo deles, lembrou que en Ourense o número de ocupacións "multiplicouse por 100" a finais do pasado ano ao pasar dunha a dúas vivendas ocupadas nunha cidade de case 100.000 habitantes.

NOVO XULGADO EN VIVEIRO

Noutra orde de cousas, nesta comisión aprobouse por unanimidade unha proposta do BNG --transaccionada co PP-- que pide a creación dun novo xulgado en Viveiro (Lugo) cando a criterio da comisión mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta "existan as condicións obxectivas da necesidade" para iso.

Esta proposta defendida por Daniel Castro (BNG) busca reducir a demora na incoación de asuntos civís coa creación deste terceiro xulgado no partido xudicial de Viveiro.

A viceportavoz do PP no Parlamento galego, Paula Prado, en rolda de prensa sobre o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero. PPDEG - Arquivo
A viceportavoz do PP no Parlamento galego, Paula Prado, en rolda de prensa sobre o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero. PPDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta