Sanitarios do CHUS anuncian unha folga indefinida en plena pandemia polas "deficiencias" da UCI

Piden a dimisión de Eloína Núñez, xerente da área sanitaria e curmá de Feijóo. Nesta área sanitaria hai 73 pacientes en coidades intensivos. O Clínico xustifica que non fixo as obras porque "ningunha" empresa garantía menos de cinco meses.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/11/2020 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Adultos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela irá á folga indefinida desde o vindeiro luns 16 de novembro. Esta folga, como confirmaron os propios portavoces dos traballadores, non afectará a atención hospitalaria, polas características do servizo, pero quere ser un acto de reivindicación ante a xerencia da área sanitaria, que dirixe Eloína Núñez, e a quen piden a súa "dimisión" pola situación na que se atopa esta unidade.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

Esta decisión, que foi acordada o pasado 26 de outubro pola "imposibilidade" de chegar a acordos coa xerencia, tivo como antesala da protesta laboral unha concentración este xoves ante o Hospital Clínico, secundada por decenas de traballadores, e na que advertiron das "deficiencias"deste servizo no que, aseguraron os representantes do persoal, non se ten previsión de como cubrir as baixas laborais de habelas e nas que se suspenderon os permisos e vacacións pola "falta" de persoal para cubrir ocos.

Respecto diso, indicaron que non hai persoal nas listas de contratación para suplir posibles ausencias, algo que achacaron a que a xente quedou "queimada" con esta área sanitaria e ou ben marcharon a outras áreas ou a outras comunidades ou países. "E agora vemos que non hai persoal", apuntaron, respecto diso do que lembraron que os aparellos que se usan nesta unidade son "moi específicos", polo que non se resolve con trasladar persoal doutras unidades.

Ás portas do hospital, a portavoz do persoal da UCI, a enfermeira Rosa González, sinalou que as obras no servizo comprometidas polo servizo no mes de xuño non se fixeron. "Non se fixo absolutamente nada, estamos nas mesmas condicións duras, durísimas de traballo", apuntou.

"NON ESTAMOS A PEDIR PARA NÓS"

"Estamos a reivindicar que se faga a obra polo ben e a seguridade dos pacientes, non estamos a reivindicar nada económico, nada para nós, nin días nin vacacións, non estamos a pedir nada para nós, senón unhas condicións dignas para os nosos pacientes", subliñou Rosa González.

Alberto Rodríguez Lamas, traballador na UCI desde hai 20 anos, apuntou que hai "unha falta de planificación total" e de "humanización" da unidade. "Traballamos todo sobre a marcha, sen planificación. Veñen compañeiros novos que non teñen ningún tipo de formación porque non hai plan de formación para a xente que vén nova", denunciou.

Este traballador asegura que "non se fixo absolutamente ningunha obra nin reforma". Así, non hai circuítos pechados para traballar "con seguridade", teñen que estar cos equipos de protección en todo momento, o cal tamén vai "en contra" dos propios pacientes, así como "non hai intimidade" porque é "completamente aberto" e se algún paciente non está sedado "está a ver todo".

Ademais, Alberto Rodríguez indicou que é unha problemática "que vén arrastrando pero que se agravou máis coa pandemia". Lembrou que o pasado mes de xuño acordáronse unhas obras que se ían facer durante o verán, polo que as condicións de traballo "son máis penosas" que as que había na primeira onda do coronavirus.

"Dicirlle a esta xerencia que non se lle pode estar a dar patadas no cu constantemente á xente que lle leva salvando o cu durante meses", manifestou, pola súa banda, outra auxiliar de enfermaría.

RESPOSTA

A Xerencia da área de Santiago, á que pertence o Hospital Clínico, xustificou que as obras na UCI comprometidas no mes de xuño, non se levaron a cabo porque "ningunha" empresa das contactadas garantiu terminalas en menos de cinco meses

Nunha resposta a raíz do anuncio do persoal, a xerencia dixo que a asistencia sanitaria aos pacientes "está absolutamente garantida" e "cumpre con todos os requisitos para poder atender os críticos, tanto covid como non covid", como "así o avalan" os resultados sanitarios obtidos.

Ademais, explica que a Consellería de Sanidade "contactou con numerosas empresas especializadas" para realizar as obras da UCI no tempo requirido, pero "ningunha comprometeuse a telas finalizadas" en menos de cinco meses, polo que a xerencia considerou "moi arriscado" acometelas nesas condicións.

Ademais, indicou que a situación epidemiolóxica actual "confirma que non se podía prescindir destas 15 camas de UCI" neste momento, polo que o proxecto de reforma quedou aprazado.

Tamén asegura que un terzo das camas de UCI dos hospitais son "abertas" e, por tanto, a situación denunciada "é a mesma" que se produce "en gran parte dos hospitais" de España. Tamén afirma que as quendas de sete horas e dez horas "son os habituais no persoal de enfermaría que traballa en todos os centros sanitarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta