A Xunta anuncia entre 2.200 e 7.000 euros aos hostaleiros afectados polo peche

Tamén pide a concellos que baixen as taxas durante o 2020 e ao Goberno central que baixe o IVE turístico ao 4%.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O Goberno galego ratificou, na súa reunión deste xoves, a decisión de activar unha nova liña urxente de axudas en apoio do sector da hostalaría --servizos de comidas e bebidas, e aloxamentos-- afectado no exercicio da súa actividade pola pandemia e as últimas restricións adoptadas na Comunidade, que inclúen o seu peche en 60 municipios en principio durante un mes.

Esta nova liña permitirá de forma xenérica, segundo a Xunta, inxectar aos empresarios 1.000 euros por cada mes de limitación nos servizos que prestan nesta nova fase da pandemia. Poderán beneficiarse desta medida uns 12.000 establecementos situados nalgún dos 60 concellos con peores datos epidemiolóxicos.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, debullou esta axuda que virá sumarse ás previstas no Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas, polo que a contía total podería ascender, segundo o caso, ata un máximo de 7.200 euros.

En concreto, as axudas prevén inxectar 1.000 euros mensuais aos establecementos máis afectados polas medidas activadas por recomendación sanitaria, por cada un dos meses de vixencia con efecto no concello onde se atopan. Estas axudas poderán incrementarse en 500 euros, ata os 1.500 euros ao mes, nos casos nos que o empresario teña ao seu cargo máis de 10 traballadores.

Unha vez informado ao Consello da Xunta sobre esta liña de axudas, Feijóo indicou que está previsto contrastar a convocatoria co sector e pór en marcha o procedemento canto antes coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia este mesmo mes.

Ademais, a Xunta garante que a tramitación das axudas farase dunha forma sinxela e dando prioridade á orde de solicitude ata esgotar o crédito. Preguntado respecto diso, Feijóo asegurou que non hai unha cantidade "concreta" sobre a mesa e que "dependerá das solicitudes que se presenten" pero deu por feito que superará os 12 millóns de euros.

AXUDAS COMPLEMENTARIAS

"O peche de novembro producirá o dereito a ERTE sen custo para o titular, vai por conta da Seguridade Social e dos fondos de emprego estatais. Estas axudas son adicionais", trasladou o presidente galego, quen tamén insistiu en que os bares e restaurantes non son culpables no contaxio do virus, senón a "relaxación social" dos clientes que acoden aos mesmos.

Ademais, na liña do xa exposto esta semana polo vicepresidente primeiro e responsable de Turismo, Alfonso Rueda, Feijóo pediu a implicación do Goberno central, ao que urxiu a analizar a posibilidade de reducir o IVE turístico ao 4% durante o tempo que dure a pandemia. Finalmente, apelou a que se bonifiquen as taxas municipais que impactan no sector da hostalaría.

Non en balde, reiterou que "todas" as administracións deben colaborar ante unha situación "inxusta" que "paga" o sector da hostalaría. Tamén reiterou que a Xunta adoptara precisamente a decisión de pechar en novembro para tentar "salvar" a campaña de Nadal, aínda que puntualizou que "non se pode garantir nada".

Terraza
Terraza | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta