"Esta nova crise da Covid romperá os vínculos dos emigrantes entre Galicia e América"

GC analiza como podería afectar esta crise sanitaria ás dinámicas migratorias nos próximos tempos. Os expertos falan de movementos a unha escala pequena e dunha ruptura das históticas cadeas que unían Galicia e América. Quen marchará de Galicia? Quen virá ou regresará a ela? E en que condicións?

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia está espallada polo mundo enteiro. Despois de décadas de mobilidade que levaron á formación de milleiros de familias transnacionais, unha pandemia mundial coma esta deixa no aire as dinámicas de desprazamento que seguirán as persoas de aquí en diante. A incerteza - esa palabra que hoxe o define todo - sobrevoa tamén as regras que rexerán os futuros fluxos migratorios, moi condicionados polo actual peche de fronteiras e polas graves situacións económicas en que se atopan cada vez máis familias. Con todo, existen certas claves que poden prever algunhas das tendencias dos próximos tempos.

Pasaxeiros con maletas na terminal T4 do Aeroporto Adolfo Suárez Madrid Barajas, en Madrid (España), a 24 de xullo de 2020. Eduardo Parra - Europa Press
Pasaxeiros con maletas na terminal T4 do Aeroporto Adolfo Suárez Madrid Barajas, en Madrid (España), a 24 de xullo de 2020. Eduardo Parra - Europa Press

RUPTURA DAS CADEAS MIGRATORIAS

"Aqueles que poñían os ollos en Galicia polo afecto, e sobre todo polos parentes, deixarán de facelo"

Lonxe quedou aquela Galicia dos anos 60 que emigraba masivamente para buscar a vida como podía, primeiro na América e logo tamén en Europa. “Ese modelo xa non funciona”, analiza o xeógrafo Andrés Precedo, “deu paso a outro no que xente nova, por razóns diversas, se move dentro dun espazo máis amplo; é unha emigración, moitas veces, de ida e volta”. Agora, a pandemia deixa estas persoas paralizadas no lugar no que residen; no curto prazo, debido ás limitacións de mobilidade, e no longo prazo, “pola escaseza de oportunidades que se verán máis minguadas que na crise económica do 2008”, fala agora a socióloga Monsterrat Golías. “Volveranse romper as cadeas migratorias con América Latina, os galegos no norte de Europa aferraranse a terras máis produtivas como, por exemplo, Suíza, e aqueles que poñían os ollos en Galicia polo afecto, e sobre todo polos parentes, deixarán de facelo”, prevé. 

Neste sentido, Golías pon o exemplo dos fillos e netos de españois na Arxentina que viron como se lles pechaba unha nova oportunidade en Galicia a través do programa VISAR, un proxecto impulsado polo Ministerio de Traballo para a concesión de visados pensados na busca de emprego no Estado. “As redes familiares facilitaban que Galicia fora un dos destinos máis elixidos ao amparo desta axuda”, indica. Ante esta nova crise sanitaria que xurdiu sen aviso previo e que ten involucrado o mundo enteiro, poucos indicadores falan de que se vaia producir un incremento no regreso de persoas tanto daquela época coma dos emigrantes de comezos do milenio. Os que non volveron en canto melloraron as condicións económicas, “xa botaron raíces, construíron as súas familias e non van facer as maletas despois de tantos anos”.

Pasaxeiros procedentes de Londres camiñan entre os corredores delimitados, antes de encher un formulario, á súa chegada ao Aeroporto de Madrid-Barallas Adolfo Suárez, como medida de control dos casos sospeitosos de coronavirus catro días despois desde. Jesús Hellín - Europa Press
Pasaxeiros procedentes de Londres camiñan entre os corredores delimitados, antes de encher un formulario, á súa chegada ao Aeroporto de Madrid-Barallas Adolfo Suárez, como medida de control dos casos sospeitosos de coronavirus catro días despois desde. Jesús Hellín - Europa Press

Antes do estado de alarma, as entradas en Galicia situábanse nas 24.183, con importancia manifesta da chegada de descendentes de galegos, segundo indican os datos do INE. Ademais, o país era escollido como lugar de acollida por moitas persoas de Venezuela (16%), Brasil (7%), Colombia (7%) e Portugal (5%). Con todo, xa daquela, constituía un dos que menor presenza de inmigrantes tiña, con tan só un 4,1%. Seguindo a liña do explicado por Golías, “o atractivo de Galicia como sociedade de acubillo ten máis fundamentos sociais ca económicos, e en tempos de crises económicas ou sanitarias, a súa capacidade de arrastre é máis ben modesta, o que explica a escasa presenza de inmigración estranxeira”. Iso si, estas persoas funcionan como un factor moi importante “que equilibra a balanza demográfica de Galicia”, unha das zonas máis envellecidas de Europa, engade Precedo.

 

O COLECTIVO DE MIGRANTES, O MÁIS AFECTADO NESTA CRISE

Precísase perspectiva para coñecer con detalle como se manifestará esta crise nas migracións, pero a análise da realidade social presente obriga tamén a falar das condicións nas que se atopa o colectivo migrante fronte a unha pandemia destas características, que golpea con máis dureza a quen se atopa nos últimos chanzos da cadea. As persoas que decidiron buscar un futuro lonxe dos seus fogares encóntranse agora “na escala máis baixa do mercado laboral”, sobre todo as mulleres que traballan, en gran medida, en economías somerxidas.

"As persoas irregulares carecen absolutamente de dereitos, son invisibles"

Desta maneira, “a nacionalidade xoga un papel importante no impacto que ten a pandemia”, analiza Golías. As persoas estranxeiras quedan baixo unha situación de maior vulnerabilidade e aquelas que aínda non resolveron a súa situación xurídico-administrativa vense “esmagadas baixo unha laxa”. “Os non nacionais considéranse cidadáns de segunda e as persoas irregulares carecen absolutamente de dereitos”, indica a socióloga, que lembra tamén que non figuran nos datos estatísticos e que agora, máis ca nunca, son “invisibles” nesta sociedade confinada. 

Unha sociedade que, ademais, “expulsa” en primeiro lugar os estranxeiros do mercado laboral, do mesmo xeito que aconteceu na pasada crise económica. Esa “preferencia polo nacional” vén alimentada, en gran medida, polo incremento da xenofobia nos últimos tempos, que encontra “nas redes sociais e na fabricación de bulos” os lugares onde espallarse sen control. Os discursos racistas e a estigmatización destas persoas instálase na sociedade coma se doutra pandemia se tratase, a pesar de que moitas delas estiveron e están na primeira liña dos labores esenciais.

Ante a súa “fraxilidade maiúscula”, Golías expón a necesidade dun proceso de regularización extraordinaria para quen estea á espera da condición de asilo e refuxio. Unha solución que, se ben non resolverá os seus problemas económicos e sociais, si pode “minguar” as súas problemáticas actuais. É o momento tamén de impulsar “políticas inclusivas dirixidas ao ámbito laboral e social”, engade.

DA MIGRACIÓN A GRAN ESCALA Á PEQUENA

 

Durante estes meses, a chegada de novos inmigrantes ralentizouse, por unha banda, porque non se atopa o momento axeitado para facelo, e por outra, porque non hai demanda a nivel laboral. Os movementos a escala internacional seguen moi limitados, e as dinámicas máis notables en canto a desprazamentos de persoas están a producirse a unha escala máis pequena, dentro do propio estado ou mesmo dentro de Galicia.

 

“Aínda non sabemos se son testemuñais ou se teñen relevancia a nivel numérico, pero estanse advertindo movementos de persoas que debido ao teletraballo deciden trasladar a súa residencia a determinados lugares de Galicia onde teñen unha calidade de vida maior”, refírese Precedo. Este xeógrafo fala, sobre todo, de persoas que veñen de lugares como Madrid e que buscan marchar das grandes cidades, que demostraron ser “máis vulnerables” ca as de tamaño medio coma as que poboan Galicia. 

 

"Moita xente está vivindo permanentemente na súa segunda residencia"

 

“Moita xente”, analiza Precedo, “está vivindo permanentemente na que era a súa segunda residencia”. “Dáse en persoas que teletraballan e tamén en persoas xubiladas”, dous grupos de xente que semellan buscar espazos máis abertos e en contacto coa natureza, aínda que tamén pode influír nestes desprazamentos o feito de que Galicia estea nunha relativa mellor situación sanitaria ca o resto do Estado.

FACER GALICIA MÁIS FORTE NO MUNDO

Ante as posibles roturas de cadeas co exterior que pode provocar a pandemia no medio e longo prazo, hai quen pon as miras na importancia dos “proxectos de acción exterior”. Precisamente, a socióloga Montserrat Golías e mais o xeógrafo Andrés Precedo son dous dos relatores que conforman, xunto con outras case vinte persoas, o ciclo “A Coruña no mundo global do século XXI” organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración co Concello da Coruña. Ao longo de cinco xornadas de debate durante este mes de novembro, o ciclo pretende facilitar un punto de inflexión colectivo na relación do local co global na cidade da Coruña, e por extensión, en Galicia. 

"Falta un proxecto de país, e sen el, é imposible un proxecto de proxección exterior"

Co gallo de ollar o mundo e o futuro desde o país, póñense sobre a mesa “todas esas oportunidades que desde o sector público non se están valorando”, explica Precedo. “Falta un proxecto de país, e sen el, é imposible un proxecto de internacionalización e de proxección exterior”, prosegue. Segundo conta, é necesario ir “máis alá do Xacobeo” e explorar esoutras potencialidades mediante estratexias, xa non a curto prazo, senón a medio e longo prazo. A experiencia das crises anteriores constata que “só aquelas cidades que teñen proxectos conseguen despegar”. Por iso mesmo, nun momento coma este, resulta “fundamental” traballar neste tipo de estratexias. “Se se fai, Galicia poderá saír antes da crise e poderá adquirir moita forza no mundo”, sentenza Precedo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta