Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 19:27
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso presentado polo Concello de Ferrol contra unha resolución do Xulgado Contencioso-Admistrativo da cidade que validaba que unha edil non adscrita seguise cobrando unha dedicación exclusiva tras abandonar o grupo polo que fora elixida, o de PSOE, pero seguir formando parte do goberno municipal encabezado por Jorge Suárez (Ferrol en Común).
Na sentenza o alto tribunal galego considera que a proposta realizada durante o pleno celebrado o 24 de novembro de 2016 pola portavoz socialista, naquel entón Beatriz Sestayo, para a repartición das dedicacións axústase a dereito por ser "proporcional" e acorde cos resultados obtidos polos diferentes partidos nas eleccións municipais.
Ademais, sinala que esta representatividade preservaba das condutas tipificadas no acordo contra o trasfugismo nas corporacións locais, incidindo en que "os dereitos económicos ou políticos dos membros non adscritos non poida ser superiores aos que lles corresponderon de permanecer no grupo de procedencia".
EDIL DE URBANISMO
Sestayo presentou esa proposta despois de que o alcalde, Jorge Suárez, decidise romper a coalición de goberno que Ferrol en Común conformara no mes de xuño de 2015 co PSOE e na que María Fernández Lemos, que concorrera na lista do PSOE, pasou a ser edil de Urbanismo, posto que desempeñaría todo o mandato.
Con todo, no pleno de 2016, os votos do PP e do PSOE tras a proposta presentada por Sestayo permitiron que a concelleira quedase sen dedicación exclusiva, cuestión fronte á que a propia afectada presentou un recurso xunto a outros edís de Ferrol en Común. Este recurso si foi estimado en primeira instancia nunha sentenza de marzo de 2018.
Este fallo foi recorrido posteriormente polo Concello de Ferrol, ao que agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá a razón, estimando desta maneira que a edil non adscrita non tiña dereito a ter unha dedicación exclusiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.