As restricións para o uso do transporte público son aplicables desde este xoves, segundo a Xunta

"O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle que as medidas que se implantan para toda Galicia, entre as que está recollido o transporte, entraban en vigor ás 00.00 horas do día 5", sinalaron desde a Consellería de Infraestruturas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade precisou que as restricións no transporte público non escolar son aplicables desde este xoves, ante a confusión que entre algúns usuarios suscitaron as novas medidas anunciadas o mércores polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para 60 municipios.

Na súa comparecencia para informar da situación na que quedan estes concellos, o presidente da Xunta avanzou a implantación doutras medidas que afectarán a toda Galicia, entre elas a redución do aforamento no transporte público non escolar, un máximo do 50% dos asentos no urbano e no transporte interurbano "co 50%".

Algúns usuarios do transporte interurbano na Coruña trasladaron  a súa queixa pola imposibilidade de subir a algúns dos buses que realizan a ruta na comarca, ao estar xa ao 50% e ter que esperar por novas frecuencias.

En concreto, sinalaron que pola mañá utilizaron o servizo con normalidade, sen que se lles notificase ningún cambio, pero que ao mediodía había xa nos buses cintas limitando o uso de asentos e que se lles impediu subir en cumprimento das restricións fixadas.

Estes usuarios aseguraron que se decataron no momento e que pensaban que as restricións eran de aplicación a partir do venres, día que inicialmente fixou a Xunta para as restricións en 60 municipios e que, finalmente, entrarán en vigor na medianoite do sábado.

MEDIDA RECOLLIDA NO DOG

"O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle que as medidas que se implantan para toda Galicia, entre as que está recollido o transporte, entraban en vigor ás 00.00 horas do día 5", sinalaron desde a Consellería en referencia ao publicado na xornada do mércores.

Ademais, sinalaron que as medidas ás que se refería o presidente da Xunta que entraban en vigor inicialmente o venres "eran as limitadas aos 60 concellos que tiñan maior incidencia do Covid". "As medidas xerais, para toda Galicia entraban en vigor hoxe", remarcaron.

Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo
Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta