Es dos que cobras case 1.900 euros ao mes?

Porque ese é o salario bruto mensual que de media cobraron os traballadores galegos o pasado ano. Unha cantidade que subiu con respecto ao ano anterior, pero que é inferior á media do estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2020 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O salario medio bruto mensual do emprego principal en Galicia situouse en 1.889,08 euros en 2019, o que supón un incremento en 54,56 euros respecto ao exercicio anterior, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

A tempo completo, o salario medio galego alcanzou o ano pasado os 2.097,56 euros, fronte aos 2.045,81 euros de 2018. Mentres, a tempo parcial, o dato foi de 763,74 euros, desde os 721,01 do anterior ano.

No conxunto estatal, o salario medio mensual, en termos brutos, subiu un 1,9% en 2019, ata os 1.982,3 euros, a súa cifra máis alta desde que comezou a serie en 2006, segundo o decil de salarios que elabora o INE a partir dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

É o terceiro ano consecutivo no que se incrementa o salario medio despois de que en 2016 baixase por primeira vez en dez anos. No entanto, o aumento de 2019 moderouse un punto respecto ao de 2018, cando subiu un 2,9%.

Segundo os datos do INE, o 40% dos asalariados (6,66 millóns) gañaron entre 1.324,2 e 2.221,2 euros brutos ao mes en 2019, mentres que o 30% (case 5 millóns) obtivo remuneracións de polo menos 2.221,2 euros mensuais e o 30% restante (outros case 5 millóns de asalariados) cobrou un soldo inferior a 1.324,2 euros ao mes.

Para elaborar esta estatística, o INE ordena a todos os asalariados --16.664.900 persoas durante o pasado ano-- segundo a contía do salario mensual percibido e divídeos en 10 grupos iguais, co 10% dos traballadores en cada grupo.

Así é o salario bruto medio anual en cada comunidade autónoma. EPDATA
Así é o salario bruto medio anual en cada comunidade autónoma. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta