Os profesionais advirten do colapso das UCIs "nunhas semanas" se non se reducen os contaxios

Reducir os contactos interpersoais e cumprir as medidas, claves para reducir a incidencia do virus.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2020 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O especialista en Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e membro do comité clínico de Galicia, Pedro Rascado, defende as medidas que supoñen o peche perimetral de 60 municipios galegos desde a medianoite deste sábado e apela a "reducir os contactos interpersoais" e a cumprir coas medidas, como o uso da máscara e gardar a distancia social, para reducir os contaxios en Galicia.

"Non hai outra maneira que reducindo os contactos interpersoais e manter sempre a distancia e levar máscara", afirmou, en declaracións a Europa Press o doutor Rascado, quen incidiu en que as medidas adoptadas esta semana polo comité clínico do que forma parte buscan "salvar vidas".

Así, comentou que o número de casos de Covid en Galicia segue en aumento porque "non está controlada de maneira adecuada a transmisión" do virus fóra dos hospitais. "Se incrementa o número de casos iso vaise transmitir ás camas hospitalarias e UCIs", abundou. Por iso, este médico intensivista defendeu as restricións adoptadas en Galicia porque o aumento de número de casos pode traducirse en máis hospitalizacións e "dentro dunhas semanas" nunha maior ocupación das UCIs.

Tras puntualizar este médico intensivista que na actualidade a ocupación das unidades de críticos en Galicia "non é problema" manifestou que "vai empeorar se se producen contaxios fóra de hospitais" porque unha porcentaxe dos enfermos "acaba en UCI". "Ás veces con estancias moi prolongadas", apostilou.

Preguntado sobre cando estiman que pode supor un problema a ocupación das camas UCI en Galicia, explicou que "depende da evolución", pero "pode ser nunhas semanas", matizou, se non se reduce a "velocidade dos contaxios".

CONFINAMENTO

En relación á petición dalgunhas comunidades autónomas do confinamento domiciliario e a súa posible aplicación en Galicia, o doutor Rascado defendeu as medidas adoptadas polo comité clínico esta semana en Galicia para que baixen os contaxios.

Deste xeito, comentou que o confinamento de primavera se levou a cabo para "reducir de maneira drástica" os contaxios, pero agora preténdese "evitar chegar a esa situación" con medidas que "reduzan os contactos interpersoais" e diminúan "o risco de que se siga transmitindo o virus".

Neste sentido, considera que "hai marxe" para implementar medidas para frear os contaxios sen chegar a un confinamento domiciliario. "Analizamos cal é a evolución, os datos e tómanse as medidas máis adecuadas", explicou. "Queremos reducir os contactos de maneira significativa", explicou sobre as últimas medidas adoptadas que inclúen o peche da hostalaría e a limitación de aforamentos, "sen chegar a esa medida", comentou en relación ao confinamento domiciliario.

SOLUCIÓN, NON PROBLEMA

O doutor Rascado comentou que "moita xente está a cumprir as medidas e sendo moi estrita desde xuño e ve como se incrementan as restricións e outra que non as cumpre ou tenta buscar físgoas para saltarse a norma". Respecto diso, subliñou que "a xente que cumpre é parte da solución" para frear a transmisión do virus e "os que incumpren normas son parte do problema". Por iso, apelou á implicación de "todos" para "saír" da pandemia.

Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña (Lugo). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña (Lugo). Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cantos médicos e enfermeiras foron contratadas a maiores dende o mes de maio (cando rematamos os 60 días de confinamento?) Cantas probas PCR se fixeron durante o verán? Como foi a política de rastrexadores do Exército de Terra en Galicia? Se non nos mata o virus seguro que o fará o SERGAS ! Agora sabemos que a Atención Primaria é prescindible e mesmo descobriron que basta cun teléfono (que non funciona) para resolver as doenzas da poboación baixo Estado de Alarma por 6 meses ! https://youtu.be/e85k0DfROJk En canto ás políticas sanitarias das Residencias seguimos o Modelo Lazareto (pechar a porta e deixar co virus faga o seu traballo !) VERGOÑA e IMPOTENCIA o resto xa é cousa sabida !!!