Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 13:21
O Concello de Santiago descarta pedir á xustiza medidas cautelares para evitar que os herdeiros do ditador Francisco Franco retiren as dúas estatuas do Mestre Mateo do Pazo de Meirás, en Sada. Pola súa banda, Compostela Aberta pedíu xa medidas cautelares para evitar o expolio.
"Neste momento penso que non teriamos amparo, tendo en conta que hai unhas sentenzas previas favorables á familia Franco", xustificou este luns o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.
E é que estas esculturas que representan a Abraham e Isaac, procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago, foron obxecto de litixio entre o Concello e a familia do ditador. No entanto, tanto o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 41 de Madrid como a Audiencia Provincial deron a razón aos Franco e tan só queda a vía do recurso ao Tribunal Supremo.
Neste contexto, o alcalde da capital galega subliñou que o grupo de expertos para a recuperación das esculturas, organizado pola Xunta e o Concello, xa emitiu "un requirimento" aos herdeiros de Franco para que non se retiren de Meirás --pazo que, de feito, debe ser entregado ao Estado antes do 10 de decembro--.
Respecto diso, este mesmo domingo, a Consellería de Cultura lembraba que o feito de que as estatuas fosen declaradas como ben de interese cultural (BIC) implicaba unha serie de "obrigacións legais" para os seus propietarios, como é a "obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado".
DISPOSITIVO FRONTE AO PAZO
Precisamente, para evitar que sexan retiradas, as distintas administracións despregaron fronte ao pazo un dispositivo de vixilancia conformado pola Garda Civil, a Policía Local de Sada e tamén pola Policía Autonómica. Xosé Sánchez Bugallo tamén espera que tanto a familia Franco como as autoridades xudiciais "sexan sensibles ante esta petición" de que estes dous BIC non abandonen o pazo.
Con todo, o alcalde remitiuse ás sentenzas previas, que foron favorables aos herdeiros do ditador, para descartar pedir unha cautelar á xustiza. Tras a rolda de prensa do rexedor, a concelleira de Compostela Aberta Marta Lois, quen precisamente formou parte do anterior goberno local que iniciou o litixio polas estatuas, aseverou que a súa formación "entende que é posible e, probablemente, necesario" que se solicite algunha medida cautelar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.