Bugallo saúda a "evolución positiva" de Santiago e recoñece o "esforzo" da poboación

O alcalde valora a baixada do 30% no número de casos activos nunha semana, pero advirte: "Non podemos baixar a garda"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, celebrou que a cidade se manteña "desde fai xa practicamente unha semana" en "fase de descenso" con respecto ao número de casos de COVID-19, o que atribuíu ás continuas restricións implantadas e ao "esforzo de toda a poboación".

Durante a rolda de prensa posterior á xunta de goberno local, o rexedor saudou a "evolución positiva" que se aprecia na capital galega, que precisamente este luns pasou do nivel vermello ao laranxa no mapa que actualiza diariamente a Consellería de Sanidade coa incidencia da pandemia por municipios.

A baixada dos casos activos "indica que cada día as altas superan o número de casos positivos que se detectan". "Desde ese punto de vista debemos estar esperanzados, pero non podemos baixar a garda", engadiu. Segundo explicou Bugallo, esta tendencia á baixa nótase "basicamente nos últimos 10 días, desde o 27 de outubro". "Primeiro houbo unha fase de estancamento e desde fai xa practicamente unha semana estamos en fase de descenso", relatou.

Máis concretamente, o alcalde calculou que nos últimos sete días os casos activos de COVID-19 "se reduciron un 30 por cento" ata situarse nunha incidencia "por baixo" da media española e, mesmo, da galega. "É unha situación na que non estabamos desde o mes de agosto" Así, mentres a nivel estatal a incidencia sitúase agora en máis de 500, en Santiago está "en algo máis de 300", de acordo coas súas cifras.

"SEGUIR COLABORANDO" COA XUNTA

Tras recalcar que isto é resultado do "esforzo" da poboación por cumprir as medidas adoptadas desde hai semanas por parte da Consellería de Sanidade --a última, o peche da hostalaría durante un mes desde o sábado--, garantiu que o Concello "vai seguir colaborando" coa Xunta.

Neste sentido, explicou que se "intensificará a presión para que todos aqueles que teñen un comportamento insolidario sexan sancionados en materia de non utilización de máscara, por festas en pisos ou calquera outro tipo de actividades" de risco. Preguntado sobre os incumprimentos dos últimos días, Bugallo valorou que a porcentaxe "é moi baixa" no que respecta á mobilidade nocturna --que está restrinxida de 23,00 a 6,00 horas-- e en canto ao uso da máscara.

Acerca das festas en pisos, aínda que recoñeceu que as 10 detectadas durante a semana pasada supoñen "un pequeno repunte" sobre as nove da anterior, quixo deixar claro que son cifras que están "moi lonxe" das 60 que se chegaron a denunciar en semanas anteriores.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta