Un proxecto de investigación queda paralizado despois do roubo de máis de 5.000 exemplares de berberecho

A conselleira de Mar condenou o incidente e sinalou que este segundo roubo, que se suma a outro similar ocorrido en decembro de 2016, "supón perder máis de dous anos de estudo" duns traballos que se iniciaron hai cinco anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar denunciou ante a Garda Civil o roubo de 5.200 exemplares de berberecho pertencentes a un proxecto de investigación desenvolvido polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Así o comunicou este luns a titular da Consellería, Rosa Quintana, na súa visita ás instalacións do centro.

A investigación, dentro do proxecto 'Croquedous' e cuxos datos se perderon con este roubo, buscaba obter estirpes resistentes ao parásito 'Marteilia cochillia', que debilita aos moluscos bivalvos, aínda que resulta totalmente inocuo para o ser humano.

O roubo, ocorrido nunha batea instalada na Ría de Arousa, preto de Cambados, supuxo a perda de cinco lotes, un deles formado por individuos de segunda xeración que, de forma natural, parecían resistentes ao parásito. Estes exemplares ían ser utilizados para a creación dunha nova xeración, así como para a realización dunha nova proba de resistencia.

Outros dous grupos estaban compostos por exemplares híbridos de berberecho común e birollo, sendo o único caso no mundo de produción en criadeiro de híbridos entre estas dúas especies, cuns altos resultados de supervivencia.

Iniciada en xaneiro de 2019, a CIMA esperaba concluír a investigación en decembro de 2020, véndose agora obrigado a buscar novas liñas de traballo. O director do centro de investigación, Carlos Gabin, subliñou que "o valor científico deste estudo era incalculable". "Non existía ningún grupo de investigación facendo o mesmo que nós", destacou.

A representante do Executivo galego condenou o incidente e sinalou que este segundo roubo, que se suma a outro similar ocorrido en decembro de 2016, "supón perder máis de dous anos de estudo" duns traballos que se iniciaron fai cinco anos. Lamentou tamén o fin de "a liña de investigación que permitiría a mellora da produción nos bancos marisqueiros de Galicia" e, por tanto, "da economía de miles de persoas que dependen da extracción deste molusco na comunidade".

O roubo de máis de 5000 exemplares de berberecho frea un proxecto de investigación galego. EVMM
O roubo de máis de 5000 exemplares de berberecho frea un proxecto de investigación galego. EVMM | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta