16.200 euros para a campaña 'Días Azuis' que busca incentivar o consumo no comercio de proximidade

A Asociación de Empresas de Turismo activo impulsa o programa 'Galicia Destino Seguro'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A nova edición dos 'Días Azuis do Comercio Galego' impulsa unha campaña para incentivar o consumo nos establecementos de proximidade, que se estenderá ata o 30 de novembro.

Durante estas datas, os clientes poderán participar no sorteo de 16.200 euros repartidos nun total de 80 cartóns prepagamento de 300 e de 150 euros.

A iniciativa foi presentada este luns mediante videoconferencia, coa presenza da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o director de Rede Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa.

O obxectivo da proposta é pór en valor o importante papel económico e social do sector, sobre todo no actual contexto marcado pola COVID-19 e as consecuencias que ten para estes negocios.

A presente edición conta coa colaboración de establecementos de máis dun centenar de asociacións de toda Galicia. Para participar, haberá que rexistrar a compra na páxina 'https://www.diasazuis.com/' ou solicitar ao comerciante que faga o trámite.

Seijas destacou a importancia "agora máis que nunca" de iniciativas para concienciar aos cidadáns da necesidade de apostar polos negocios de proximidade e evidenciar que "son lugares seguros".

Neste sentido, González Eiroa incidiu na importancia de "sumar forzas" para impulsar a reactivación do pequeno comercio neste contexto.

Presentación da campaña 'Días azuis' do comercio galego. FEDERACIÓN COMERCIO
Presentación da campaña 'Días azuis' do comercio galego. FEDERACIÓN COMERCIO | Fonte: Europa Press

GALICIA DESTINO SEGURO

A Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, de Aventura e Natureza (Agetan) impulsa o programa 'Galicia Destino Seguro. Turismo Activo', que puxo en marcha ao amparo do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e esta entidade para a implementación da medida 24 do 'Plan de reactivación dos sectores culturais e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19".

O obxectivo do programa é prestar asesoramento e certificar ás empresas de turismo activo de Galicia que desenvolvan os seus servizos con garantía de seguridade e hixiene, minimizando o risco fronte ao SARS-CoV-2.

Para iso, Agetan definiu unha serie de manuais de turismo activo e ecoturismo por especialidade, nos que se establecen os protocolos necesarios para garantir a seguridade en cada tipo de actividade de turismo activo ofertada en Galicia, ademais dun servizo de asesoramento para a implantación, que se presta ás empresas adheridas ao proceso de forma totalmente gratuíta.

Pode participar neste proceso de asesoramento e certificación calquera empresa de turismo activo legalmente constituída e con sede ou domicilio fiscal en Galicia.

As empresas interesadas en participar deben cubrir o formulario de solicitude dispoñible na web (https://turismoactivo.gal/protocolo-covid) e achegar a través dela a documentación justificativa requirida para poder optar á certificación. O prazo está aberto ata o próximo 13 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta