A revista ‘National Geographic” recomenda Verín como destino outonal

A coñecida publicación internacional destaca como referentes turísticos na vila o Museo do Claustro Mercedario de Verín, o castelo de Monterrei e a igrexa prerrománica de Mixós.

Por X.M. Fernández | Verín | 10/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Museo do Claustro Mercedario de Verín vén de recibir un interesante recoñecemento tras cumprir os tres anos de existencia. A revista ‘National Geographic’ incluíno nunha reportaxe especial de destinos para a tempada de outono. A mención desta coñecida revista, pioneira na promoción de viaxes e experiencias en todo o mundo, supón un recoñecemento do labor do museo, institución que actualmente permanece temporalmente pechada por mor da situación sanitaria na vila.

Museo do Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa Verín
Museo do Claustro Mercedario de Verín. Foto: Prensa Verín

O museo, referente na divulgación da identidade cultural da comarca de Monterrei, superou os 27.000 visitantes nos tres anos que ten de vida e abriu un camiño innovador para dar a coñecer a riqueza patrimonial que atesoura o sur da provincia de Ourense. Unha riqueza que se proxecta no seu patrimonio arqueolóxico, cultural e medioambiental.

Dende a súa apertura, o 15 de marzo 2017, o Museo do Claustro Mercedario de Verín pode presumir do seu valioso labor de divulgación dende diferentes accións: editando boletíns, folletos e publicacións, organizando exposicións, actividades formativas -algunha coa UNED-, importantes congresos e xornadas -un congreso internacional sobre lagares rupestres- ou incluso coa difusión do seu traballo a través de diferentes canles de comunicación.

Na reportaxe especial de recomendacións de destinos, dentro da sección de Viajes National Geographic, tamén se recomenda o castelo de Monterrei e a igrexa prerrománica de Mixós, a da Merced co seu convento, e tamén a Casa do Escudo e a dos Acevedo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta