Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2020 | Actualizada ás 14:07
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pediulle directamente á secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, o peche de prostíbulos e clubs de alterne, no marco da orde de restricións da Xunta de Galicia para facer fronte á Covid-19.
Na carta remitida á titular galega de Igualdade, Carmela Silva asegura: "É intolerable que se tomen decisións moi restritivas para sectores fundamentais da nosa economía, mentres este tipo de clubs permanecen abertos". Subliñou ademais, que os casos rexistrados nalgunha localidade pontevedresa demostran que "este tipo de locais son un foco de contaxio de Covid-19", polo que pide a Susana López Abella que "inste a quen corresponda" a "actuar con rotundidade".
A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou tamén para pedir que se poñan en marcha axudas económicas que mitiguen a situación de vulnerabilidade das mulleres afectadas. "Non podemos esquecer que estas mulleres son escravas, vulnerables e debemos protexelas", proclama a dirixente socialista, quen agrega que "ninguén se está acordando delas nesta pandemia".
Carmela Silva xa formulara esta petición durante a presentación dunhas xornadas sobre a cousificación das mulleres organizadas pola Escola de Igualdade María Vinalys, onde ademais recoñeceu, "por encima de cores políticas", "a posición rotunda da Secretaría de Igualdade a favor da abolición da prostitución" e pediu, unha vez máis "o peche para sempre" destes locais.
A responsable da Deputación pontevedresa insistiu na carta na "sensibilidade abolicionista" da titular de Igualdade, polo que espera que a súa demanda non "caia en saco roto" e sexa "o inicio do peche permanente destes centros que son unha verdadeira secuela para unha sociedade xusta e igualitaria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.