A Gala do Libro Galego será 'en liña' o vindeiro sábado 21 e porá o foco na "reinvención" do sector ante a pandemia

O académico Basilio Losada Castro, a escritora vasca Mariasun Landa e a libraría Brañas Verdes de Carballo, premios honoríficos pola súa traxectoria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/11/2020 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Gala do Libro Galego, que será exclusivamente 'en liña' debido as circunstancias da COVID-19, celebrará a súa quinta edicion o vindeiro sábado 21 de novembro co foco posto na "reinvención" do sector editorial e cultural ante os retos que presenta a pandemia.

A V Gala do Libro Galego estará conducida polo actor e narrador Quico Cadaval e retransmitirase a través de Youtube desde as 12,00 horas do mediodía. Consistirá nunha montaxe dunha serie de vídeos pregrabados nos que os galardoados agradecen este recoñecemento. Tras a gala, os premiados recibirán nas súas propias vivendas as tradicionais estatuas de Rosalía de Castro.

Presentación da V Gala do Libro Galego
Presentación da V Gala do Libro Galego | Fonte: Concello de Santiago.

E é que 15 dos vencedores desta edición xa foron dados a coñecer o pasado maio, dado que a gala estaba prevista para o día 9 dese mes. No entanto, tal e como explicou a concelleira de Acción Cultural da capital galega, tivo que ser "atrasada pola pandemia" nun panorama "de resistencia e de emerxencia que o condiciona absolutamente todo".

Á parte dos xa coñecidos, desveláronse outros tres premios de honra que en edicións ordinarias outorgábanse durante a propia gala. Este ano, recaen no académico Basilio Losada Castro --'Premio Honorífico á Edición'--, na vasca Mariasun Landa --'Escritora Galega Universal'-- e na libraría Brañas Verdes, situada en Carballo.

O LIBRO, UN "SALVAVIDAS"

O vicepresidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Henrique Alvarellos, destacou que nun momento "tan delicado como o actual" a lectura "revelouse no confinamento como un salvavidas, un antídoto, un cimento e un soporte" para as persoas. Nisto mesmo coincidiu o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia (FLG), Xosé Antón Pedreira, quen subliñou que todo o sector cultural "tívose que reinventar", un labor no que estes establecementos "non foron menos".

Tamén reflexionou respecto diso Cesáreo Sánchez, da Asociación de Escritores en Lingua Galega: "O campo audiovisual ou teatral xa van tendo máis ou menos claro cal é o novo espectador que vai saír desta situación. E nós temos que mirar cal é o novo lector que vai saír, tan apoiado nas redes e nos 'mass media'".

Así, Sánchez apelou a que "todos" teñen a responsabilidade para que ese nacemento "sexa feliz", posto que nas actuais circunstancias os lectores "non sempre poden acceder ás librarías".

"O libro, como en todas as etapas da historia, ten que transcender a aquilo que lle está ferindo o tempo. Ten que conseguir fortalecerse nestas situacións adversas, porque no interior do libro está a solución non só a todos os males dos libros, senón da cultura do pensamento", abordou o presidente da AELG.

RECLAMAN APOIO NUN MOMENTO "CRÍTICO"

Os tres coincidiron, non en balde, en sinalar a importancia de que as administracións "estean á altura" deste momento tan "crítico" para a cultura, tal e como o definiu Henrique Alvarellos. Tamén Xosé Antón Pedreira demandou a implicación das tres institucións que colaboran na Gala do Libro: Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Xunta.

Por parte da Administración autonómica, o secretario xeral de Política Lingüística defendeu que Galicia preparou o seu propio plan de reactivación do sector para atallar a crise da COVID-19, pero non sen antes instar a "todas as institucións públicas" a "tentar estar á altura das circunstancias" e a "arroupar todo o proceso creativo" do sistema literario.

Valentín García tamén recoñeceu que será unha edición "condicionada" pola pandemia, pero augurou que son circunstancias que "impactan" a sociedade, como o confinamento da pasada primavera, as que xerarán "moitísima literatura, moitísima poesía, moitísima novela e moitísimo ensaio".

Finalmente, animou a sociedade galega a "darlle toda a vida posible" para que unha Gala do Libro excepcional como a deste ano "teña toda a audiencia posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta