Dispáranse os peches entre as empresas de Galicia: 54% máis que en 2019

Parelamente, comeza a medrar o número de novas sociedades: 13'3% máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

O número de novas sociedades mercantís aumentou un 13,3% en setembro en Galicia en relación ao mesmo mes do ano anterior, ata 272 novas empresas, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística . Pola súa banda, as disolucións, que chegaron a 108 o noveno mes do ano na comunidade galega, experimentaron un incremento do 54,3% respecto de igual período de 2019, repartidas entre 77 voluntarias, 25 fusións e seis doutro tipo.

As sociedades mercantís constituídas en Galicia supuxeron a subscrición de case 16,7 millóns de euros e o desembolso dunha contía algo inferior (uns 16,64 millóns). Foron dúas sociedades anónimas (que subscribiron 120.000 euros e desembolsaron 75.000) e 270 sociedades limitadas (case 16,57 millóns de euros). Ampliaron capital 94 sociedades mercantís (por 18,69 millóns) e reducírono 18 (por 4,42 millóns). Mentres, desembolsaron dividendos 18 empresas, por 4,42 millóns de euros.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís aumentou un 14% en setembro respecto ao mesmo mes de 2019, ata totalizar 6.599 novas empresas. Co avance interanual de setembro, que duplicou o rexistrado en agosto e que é o máis elevado en catro anos, a creación de empresas encadea dous meses consecutivos de ascensos.

Nos meses máis duros da pandemia, a creación de empresas rexistrou descensos históricos, especialmente en abril, cando cedeu un 73%. No entanto, aínda que se crearon máis sociedades que en setembro de 2019, tamén se dispararon as disolucións empresariais. Estas aumentaron un 29,3% interanual en setembro, ata sumar 1.623, o que supón que en setembro desapareceron 54 empresas cada día, a cifra máis elevada desde o pasado mes de febreiro.

En taxa mensual (setembro sobre agosto), a constitución de empresas creceu un 14,8%, mentres que as disolucións empresariais incrementáronse un 44,5%. En ambos os casos trátase dos maiores repuntes nun mes de setembro en polo menos cinco anos. O 23% das sociedades mercantís que se crearon en setembro dedícase ao comercio e o 14,1% a inmobiliarias, financeiras e seguros.

En canto ás sociedades disoltas por actividade económica principal, o 28,3% pertencía a industria e enerxía e o 15% ao comercio. Para a constitución das 6.599 empresas creadas en setembro subscribíronse máis de 223,2 millóns de euros, o que supón un ascenso do 11,5% respecto ao mesmo mes de 2019, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 33.825 euros, baixou un 2,2% en taxa interanual.

Das 1.623 empresas que pecharon en setembro, o 62% fixérono voluntariamente, o 28,3% por fusión con outras sociedades e o 9,7% restante por outras causas. Pola súa banda, o número de sociedades mercantís que ampliaron capital no noveno mes do ano aumentou un 0,2% en taxa interanual, ata as 1.806 empresas.

O capital subscrito nas devanditas ampliacións superou os 919 millóns de euros, cifra un 39,8% inferior á de setembro de 2019, mentres que o capital medio foi de 509.391 euros, un 39,9% menos.

MADRID E ANDALUCÍA LIDERAN A CREACIÓN DE EMPRESAS

As comunidades con maior número de sociedades mercantís creadas en setembro foron Comunidade de Madrid (1.586), Andalucía (1.144) e Cataluña (1.118). Pola contra, A Rioxa (31), Cantabria (46) e Navarra (52) foron as que menos sociedades crearon. Atendendo ás sociedades mercantís disoltas, as que presentaron maior número foron Madrid (575), Andalucía (332) e Comunidade Valenciana (120). Pola contra, as que rexistraron menos sociedades disoltas foron Navarra (seis), A Rioxa (sete) e Cantabria (11).

Catorce comunidades crearon en setembro máis empresas que no mesmo mes de 2019. Os maiores repuntes déronse en Murcia (+35,6%), A Rioxa (+29,2%) e Castela e León (+25,1%), mentres que os únicos descensos corresponderon a Cantabria (-23,3%), Castela-A Mancha (-7,2%) e Navarra (-5,5%).

En canto ás sociedades disoltas, as taxas máis elevadas déronse en Navarra (+100%), Estremadura (+90,9%) e A Rioxa (+75%), fronte a Cantabria (-56%), Comunidade Valenciana (-7,7%) e Castela e León (-2,9%), únicas rexións onde baixaron as disolucións empresariais respecto de setembro de 2019.

Tenda, comercio. EUROPA PRESS - Arquivo
Tenda, comercio. EUROPA PRESS - Arquivo

A creación de empresas en setembro en Galicia. EPDATA
A creación de empresas en setembro en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta