O PP queda só no rexeitamento ao decreto do aprobado xeral

Tanto nacionalistas como socialistas mostráronse en contra da iniciativa dos populares ao considerar que só busca profundar na estratexia de "enfrontamento" co Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia, con só os votos a favor do Partido Popular, situouse en contra do decreto impulsado polo Ministerio de Educación e que, segundo denuncian os populares, permite un "aprobado xeral" que "prexudica directamente o alumnado".

A iniciativa, presentada en forma de proposición non de lei, foi defendida polo deputado popular Ovidio Rodeiro, quen censurou que esta medida rebaixa o nivel e os requisitos para que un alumnado aprobe, promocione ou titule no curso 2020-21. "A calidade da educación non se consegue igualando o nivel cara abaixo, senón fomentando a mellora e a modernización do sistema educativo do conxunto de España e propiciando que cada comunidade autónoma mellore o seu sistema para sumar e non para restar", sinalou.

Na súa intervención, o portavoz de Educación do Grupo Popular sinalou que esta decisión do Ministerio de Educación "debe verse como unha deslealdade institucional e unha imposición, xa que non foi tratada previamente coas comunidades autónomas, nin cos sindicatos, nin coas organizacións profesionais ou educativas".

Tamén cualificou o "aprobado xeral" como unha "aberración pedagóxica" que "legaliza a ignorancia", "prexudicando directamente o alumnado porque xerará desigualdade". "O que cremos que busca esta normativa é maquillar as estatísticas educativas, por exemplo o número de repetidores ou o número de titulados en ESO ou en Bacharelato", apuntou.

Precisamente, para "atallar as debilidades" deste texto e "preservar a calidade do sistema educativo" galego "fomentando a cultura do esforzo", Ovidio Rodeiro sinalou que a Consellería de Educación creou un grupo de traballo formado por docentes e inspectores que velará por estas cuestións.

A OPOSICIÓN OPONSE Á INICIATIVA DO PP

En fronte, tanto nacionalistas como socialistas mostraron o seu rexeitamento á iniciativa presentada polos populares galegos ao considerar que só busca profundar na estratexia de "enfrontamento" co Goberno central. Neste sentido, o portavoz de Educación do BNG, Manuel Lorenzo, censurou que o "único obxectivo" da proposta do PPdeG sexa incidir no "pimpampum sistemático" contra o Executivo estatal.

"É unha iniciativa que nada ten que ver coa educación, nada ten que ver coa evolución, nada ten que ver coa xestión da realidade dos centros", manifestou o nacionalista, que sostivo que do que se trata é de "non penalizar dobremente" a aqueles alumnos que se visen afectados pola situación de pandemia con tamén perder un ano.

Nesta liña, o socialista Luís Álvarez tamén enmarcou a proposición non de lei do PPdeG na "cruzada" dos populares galegos contra "toda canta normativa" emane do actual goberno do Estado. "O que nos quedará por ver durante a tramitación da nova lei orgánica de educación", exclamou o deputado do PSdeG, que sostido que, durante os meses de suspensión da educación pola covid, a Xunta "ditou normativa de idéntico contendido" ao que agora os populares galegos cuestionan do Estado.

Feijóo comparece no Parlamento.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo comparece no Parlamento.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta