Un colexio de Carballo e outro de Vigo, no punto de mira dos brotes con 22 e 18 positivos

Sanidade impulsa un cribado no CEIP Fogar, que sobe ata os 22 contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A incidencia da COVID-19 nos centros educativos investiu a tendencia de incremento progresivo de casos rexistrada nas últimas semanas, por outra fase de redución no total de contaxios que actualmente se sitúan nos 1.263 positivos que obrigan a manter pechadas polo menos 70 aulas en escolas, institutos e gardarías de Galicia.

No entanto, aínda se rexistran brotes importantes nas instalacións educativas galegas que chegan a superar os 20 positivos nun mesmo centro e que obrigan a tomar medidas específicas de actuación para tentar analizar o alcance da infección.

O caso máis grave de Galicia sitúase no CEIP Fogar de Carballo. O centro suma novos contaxios e alcanza xa os 22 positivos, ademais de cinco aulas pechadas debido aos brotes detectados no centro.

Os proxenitores con fillos escolarizados en primaria no centro están a recibir mensaxes estes días para informar de probas PCR. O Sergas está a realizar un cribado entre alumnos e docentes para determinar o alcance da situación no inmoble.

Outro dos puntos de maior incidencia é o centro privado plurilingüe Santiago Apóstolo de Vigo, que reduciu o número de positivos ata o 18 pero que mantén un total de oito aulas pechadas debido aos brotes rexistrados nas instalacións.

Non obstante o único centro pechado é a escola infantil Golfiños, do concello de Lugo, que rexistra polo menos cinco casos confirmados que obrigaron a clausurar as instalacións como medida preventiva para frear a incidencia.

VIGO E A CORUÑA

Os centros das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña son, de feito, os que contan con máis positivos por COVID-19.

A zona de influencia da cidade olívica conta cun total de 374 casos de coronavirus que obrigan a manter pechadas polo menos 18 aulas. Ademais do Santiago Apóstolo, destacan o IES Alexandre Bóveda ou o San Fernando, cunha decena de positivos, ou o centro privado Mendiño que se mantén con 12 contaxios.

No caso da Coruña, con 239 positivos e 19 aulas afectadas, mantense a situación no IES Maximino Romeu de Lema de Zas, con 10 positivos por coronavirus, o seguinte máis afectado na zona tras o caso mencionado do CEIP Fogar de Carballo.

A área de Lugo ascende xa a 172 positivos que afectan a polo menos 12 aulas e a unha escola infantil, sobre todo no IES Lucus Augusti e no CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei, ambos con oito positivos.

RESTO DE ZONAS

No caso da zona de Pontevedra, esta sitúase en 146 contaxios e 8 aulas pechadas. Seis delas atópanse no CEIP A Lama, clausuradas debido a dous positivos, aínda que o centro con máis positivos é o Francisco Asorey de Cambados (sete).

Pola súa banda, a área de Santiago redúcese ata os 125 positivos e seis aulas pechadas, Ferrol ata os 107 e Ourense ata os 100, con 2 e cinco unidades clausuradas, respectivamente.

Estudantes de bacharelato minutos antes de entrar ás instalacións do IES Vilar Ponche. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato minutos antes de entrar ás instalacións do IES Vilar Ponche. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta