O BNG recolle as demandas da hostalaría e pide un plan integral de rescate de 30 millóns

Ana Pontón reclama tamén actuar na fiscalidade, reducir o IVE e quitas e moratorias de cotas e débedas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/11/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A portavoz nacional e parlamentaria do BNG, Ana Pontón, escoitou as demandas do sector da hostalaría e reclamou, tras reunirse con representantes, un "plan de rescate integral e realista" para a hostalaría e turismo, porque están "contra as cordas". É preciso, dixo, "un plan operativo cando antes" para "non verse abocados ao peche definitivo". O sector falou dun mínimo de 30 millóns de euros con axudas directas para compensar os peches.

Reunión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co sector da hostalaría
Reunión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co sector da hostalaría | Fonte: Europa Press

Ademais, o BNG pide actuar na fiscalidade, unhas peticións que os nacionalistas dirixen neste sentido ao Goberno central, responsable de impostos como o IVE. Así, pide que se aplique un IVE reducido ao sector, aprazar o pago de impostos como o IRPF, quitas para autónomos nas cotas da seguridade social e negociar coas entidades bancarias adiamento de créditos, entre outras medidas.

"Son tempos moi complicados para o conxunto da actividade económica e, en particular, aos afectados de cheo na pandemia", apuntou Pontón, quen lembrou que houbo diñeiro para o rescate da banca con diñeiro público, máis 9.000 millóns de euros: "rescatar sectores como a hostalaría e turismo deben de estar como prioridades".

Este xoves, Pontón mantivo unha reunión con varios representantes do sector da hostalaría e turismo, "dous dos máis afectados o mes de marzo" e lembrou que hai "unha acumulación" da situación que significa que "a inmensa maioría dos casos ten cero ingresos". "As facturas non están confinadas", advertiu.

Pontón, que indicou que "non pon en cuestión" as medidas de restrición na pandemia porque "permite salvar vidas", subliñou que, no entanto, é preciso que as decisións tamén vaian acompañadas de axudas para os sectores afectados.

PAGAR FACTURAS DO NEGOCIO E CASA

A tamén deputada nacionalista lembrou que noutras comunidades establecéronse liñas de axudas directas para os autónomos. "Non é que non poidan pagar as facturas dos seus negocios", sinalou, é que "non poden pagar as facturas da súa casa". Neste sentido, lembrou que hai datos "moi contundentes" que revelan que se perderon 10.000 postos de traballo desde o inicio da pandemia.

Ademais, a deputada nacionalista advertiu de que o sector indicou que as axudas que suman 12 millóns de euros para o rescate da hostalaría "deixan fóra o 75 por cento dos locais", polo que pediu actuar "de maneira áxil e coordinada".

ACCIÓNS COORDINADAS

Tras o encontro, tamén falou César Ballesteros, da Asociación de Hostalaría de Pontevedra e secretario do Clúster do Turismo de Galicia. Tras agradecer a invitación á reunión, reclamou "accións coordinadas coa administración, para ir da man, cun rescate ao sector".

Ballesteros lembrou que teñen aberta unha mesa de diálogo coa Xunta e estase falando dun plan de 15 millóns, pero indicou que son máis as "necesidades" do sector, que está "moi afectado".

O representante do sector pediu a implicación de Xunta, Goberno central, concellos e deputacións para "ser capaces de coordinarnos". Así, reclamou que neste momento hai que deixar a "política" de lado e "salvar" un sector con "extrema necesidade", sobre o que advertiu de que non son só bares e restaurantes, senón outras persoas afectadas como todas aquelas empresas que traballan para a hostalaría e estanse " quedando fóra de axudas".

"Hai rescates multimillonarios. Non nos chamamos Air Europa ou Bankia", recoñeceu ironicamente, para demandar "sensibilidade" cun sectro que está nunha situación "extrema".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta