Expertas urxen a Sanidade a seguir coa implantación do novo modelo de atención primaria postergardo pola covid-19

Especialistas en medicina familiar coinciden en que a reformulación da atención primaria "non é demorable".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/11/2020 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Renovar o proceso de reconfiguración da atención primaria en Galicia paralizado pola pandemia de covid-19 é unha cuestión que non pode "demorarse" e debe darse "de inmediato". Niso coincidiron dúas expertas en atención primaria e medicina familiar, as doutoras Estrella López-Pardo Pardo e Susana Aldecoa Landesa, que protagonizaron as comparecencias matinais dunha nova sesión da comisión de reactivación configurada no Parlamento de Galicia.

Protesta na Atención Primaria en Galicia.
Protesta na Atención Primaria en Galicia.

Alí, ambas as dúas expertas analizaron a situación da atención primaria en Galicia e coincidiron nun diagnóstico: a pandemia non pode continuar pospondo o proceso de implantación do novo modelo para o primeiro nivel da atención sanitaria en Galicia, que quedou aparcado pola chegada da crise da covid-19 a comezos deste ano 2020.

"O modelo de éxito dos últimos 30 anos xa non atende ás necesidades", sinalou a directora de Procesos e Soporte na Área Sanitaria do Salnés, Estrella López-Pardo, que incidiu en que nas comunidades e servizos onde estaba máis implantado o proceso de reformulación interrompido pola pandemia, o "control" da primeira onda da covid-19 "foi mellor".

Para a doutora, que considra vital mellorar a coordinación entre atención primaria e os hospitais, nestes momentos é necesario activar procesos que "non son demorables" e "pór o acento nos máis fráxiles", pois, de non facerse, "o impacto da pandemia pode ser moito maior".

Neste sentido, co obxectivo último de "centrarse nos pacientes e escoitar a súa voz e a da comunidade", López-Pardo advertiu da necesidade de recursos na medicina de familia co foco posto na cobertura da substitución xeracional ante o importante número de xubilacións que se esperan os próximos e en, ademais, realizar "un esforzo" para incorporar á atención primaria figuras profesionais de nutricionistas, psicólogos ou fisioterapeutas.

MEDICINA FAMILIAR "NON É ATRACTIVA"

Durante a súa intervención, a presidenta dá Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Susana Aldecoa, alertou que os problemas para a cobertura de postos na atención primaria readican en que as prazas que se ofertan en Galicia "non son atractivas" para os profesionais.

"O contrato de continuidade non é atractivo, o que temos que facer é darlles prazas estables", incidiu esta doutora, que indicou que a solución pasa por aumentar as prazas MIR e ofrecer "estabilidade" aos recentemente licenciados nun sistema universitario que cre "obsoleto" na formación de médicos de familia.

Segundo Aldecoa, a Consellería de Sanidade "ten uns caixóns moi profundos" pois alí, di, amontóanse "moitos proxectos" do mesmo xeito que agora está a reconfiguración da atención primaria, algo que considera "dramático" e que urxe a recuperar a pesar da crise do coronavirus.

Unha pandemia que, segundo a doutora Aldecoa, demostrou que a sanidade pública de Galicia conta con "capacidades limitadas", pois entre elas non estaba "a atención" a crises epidemiolóxicas ou a catástrofes.

Así as cousas, e tras censurar que a atención primaria fose "ignorada" na primeira onda e "non se escoitase" a súa voz para prepararse ante a previsible chegada da segunda onda, a responsable da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria emprazou ás autoridades a repensar o modelo que cre pensado desde unha estratexia "cortoplacista" e con demasiado pensado "na atención á inmediatez".

Deste xeito, lamentou que Galicia vaia "na dirección oposta" ao camiño emprendido polos países desenvolvidos, que actúan con base na consideración de que a mortalidade se reduce en maior grao coa presenza de máis médicos de familia e non con "maior densidade" de médicos especializados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta