O PP esixe que a Deputación de Pontevedra cree un plan con 10 millóns de euros para os autónomos

Os deputados provinciais do PP insistiron en que a Deputación de Pontevedra "non pode permanecer allea" á crise sanitaria e económica, polo que defenderon que este plan é totalmente "necesario e vital".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2020 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O grupo provincial do Partido Popular reclamou á Deputación de Pontevedra que aprobe un plan de investimentos extraordinarios, dotado con 10 millóns de euros, que sexa específico para autónomos, pemes e hostalaría.

Os deputados Jorge Cubela, Carmen Amoedo e Luís López compareceron este xoves nunha rolda de prensa na que insistiron en que a Deputación de Pontevedra "non pode permanecer allea" á crise sanitaria e económica, polo que defenderon que este plan é totalmente "necesario e vital".

Segundo explicou o portavoz popular, Jorge Cubela, a proposta do PP pasa por aprobar un plan como fixo a Xunta de Galicia e o resto de deputacións provinciais. Sinala que é unha reclamación dos alcaldes.

Cubela valorou como "fundamental" que a administración apoie aos autónomos, aos pequenos empresarios "que son o motor da creación de emprego".

"DESAPARECIDA NA XESTIÓN DA COVID"

O portavoz popular tamén lamentou que "desde xuño a Deputación de Pontevedra está desaparecida na xestión da Covid" e asegurou descoñecer "en que traballa", pero entende que "é necesario que a provincia se blinde ante esta pandemia" e que "é preciso que apoie aos concellos e aos sectores prexudicados".

Tamén incidiu nesta idea o deputado popular Luís López, que sinalou "esta falta de apoio da Deputación é a mostra evidente do desprezo que mostran aos autónomos e pemes xusto no momento que máis o precisan".

Os populares pontevedreses propoñen que a Deputación asigne unha contía aos concellos de menos de 50.000 habitantes, á marxe das cantidades destinadas ao vixente Plan Concellos, así com que habilite un sistema de subvencións que tome como modelo "o que está a facer a Deputación da Coruña".

Finalmente, Carmen Amoedo destacou que a Deputación de Pontevedra "ten capacidade económica para facelo", xa que conta con 18 millóns de euros de remanentes, mentres censura que "máis de 5,5 millóns de euros dos orzamentos de 2020 foron para publicidade e propaganda".

Rolda de prensa do PP de Pontevedra. PP
Rolda de prensa do PP de Pontevedra. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta