Petición de ano e medio de cárcere para un acusado de estafar a dúas persoas co aluguer dun piso

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará desde o luns, día 16, e ata o día 20, o xuízo, con xurado, contra un home acusado de entrar nunha casa no municipio coruñés de Culleredo e tombarse nunha cama ata chegar a Garda Civil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2020 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

A Fiscalía solicita un ano e medio de cárcere e máis 4.500 euros de multa para un home acusado de estafar a dúas persoas ás que enganou para cobrarlles polo aluguer dun piso que non posuía e que publicitaba a través de Internet.

A Audiencia Provincial da Coruña acolle o vindeiro mércores o xuízo contra este home, que no ano 2016 colgou un anuncio nun coñecido portal dedicado á oferta de vivendas en aluguer.

O anuncio ofertaba un piso na cidade da Coruña polo que se interesaron dúas persoas, que chegaron a pagar ao acusado ata 470 euros para reservar o aluguer da vivenda.

O procesado chegou mesmo a facilitar un contrato sen completar ás vítimas, ás que entregou dúas chaves que resultaron ser falsas, segundo figura no escrito de Fiscalía.

O Ministerio Público considera estes feitos constitutivos dun delito de estafa agravado por recaer sobre vivendas, polo que pide un ano e medio de prisión e máis de 4.500 euros de multa.

.. GARDA CIVIL
.. GARDA CIVIL

XUÍZO POR ENTRAR NUNHA CASA ALLEA

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará desde o luns, día 16, e ata o día 20, o xuízo, con xurado, contra un home acusado de entrar nunha casa no municipio coruñés de Culleredo e tombarse nunha cama ata chegar a Garda Civil, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por un delito de violación de morada, o Ministerio Público solicita dous anos e medio de prisión no seu escrito de cualificación dos feitos.

Nel, sinala que, sobre as 22,20 horas do 27 de abril de 2017, o acusado accedeu, a pesar da oposición dos moradores, á vivenda. Para entrar primeiro chamou ao timbre, e ao abrirlle a porta unha das mulleres, apartouna cun empuxón, para franquearse o paso e entrar precipitadamente ao interior.

Unha vez dentro foi ata unha habitación e tombouse nunha cama sen atender aos requirimentos das moradoras para que abandonase a casa, permanecendo na cama ata que chegou a Garda Civil.

O acusado está diagnosticado de trastorno mixto de personalidade con trazos esquizotípicos, antisocial e orgánicos que non lle impiden comprender o alcance dos seus actos, segundo o Ministerio Público.

Ademais, sinala que cando se produciron os feitos tomara unha sustancia non determinada que non afectou as súas facultades mentais nin á súa vontade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta