As familias tachan de "discriminatorio" o método da Xunta para distribuír máscaras nos colexios

Anpas Galegas pide á Xunta que pague "todo o necesario". Educación replica que "o 99%" do alumnado non terá que realizar trámites para pedir as máscaras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

As Anpas Galegas critican que a decisión da Consellería de Educación de distribuír de maneira gratuíta máscaras entre o alumnado de educación primaria, secundaria e educación especial nos centros (públicos, privados e concertados) chegue case dous meses despois do comezo das aulas. Segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia, este luns ábrese o prazo para que as familias con rendas baixas e de estudantes de Educación Especial poidan pedir este material sanitario, o cal se fai nos propios colexios e institutos --fóra dos beneficiarios das axudas ao material escolar, que entrarán na repartición de maneira automática--.

Protocolo Covid na escola oficial de idiomas. GOBERNO
Protocolo Covid na escola oficial de idiomas. GOBERNO

Como resposta a esta Orde, Anpas mandou un comunicado no que se preguntan por que non hai máscaras para o alumnado de infantil, xa que en moitos centros educativos llelas están esixindo tamén a estes grupos de idade. Ademais, denuncian que só se poidan presentar as solicitudes dun xeito presencial nun momento no que case todo o movemento social está pechado e as familias teñen prohibida a súa entrada nos centros educativos. 

Doutra banda, Anpas pon sobre a mesa a decisión da Consellería de publicar a listaxe de beneficiarios desta axuda nun taboleiro de anuncios dentro dos colexios. Segundo critican, "é tanto como poñer a listaxe de persoas necesitadas á vista de todas as súas compañeiras e compañeiros". E engaden: "É que a Consellería non é quen de prever sistemas de información que non pasen pola exposición pública da privacidade das persoas?". 

Igualmente, Anpas dubida do dereito á reclamación que vaian ter as familias no caso de ver desestimada a súa solicitude debido a que a publicación das listas se vai producir nun espazo ao que non teñen acceso. Ademais, para a finalización do procedemento establécense na Orde un total de tres meses. "Como se van pagar os atrasos correspondentes ás máscaras que as familias levamos pagando dende o principio do curso?", preguntan á Consellería. 

Tampouco queda claro entre as familias o número de máscaras que se poñerán ao dispor do alumnado, e preocúpalles, "por experiencia", que se pretenda "esixir un coidado especial coas máscaras que dá a Consellería, que sería outra forma de discriminar". "Supoñemos que a consellería terá exquisito coidado en non marcar de ningún xeito visible as máscaras gratuítas", engaden no comunicado. 

Por último, dende Anpas Galegas fan un alegato a traballar por un ensino público gratuíto "forcenendo o alumnado de todo o que precise para asistir comodamente ás aulas" e atendendo á igualdade e á "non discriminación, marcaxe e exclusión". "O alumnado, e as súas familias, temos dereito a que a administración pague todo o necesario para que a educación das nosas fillas teña a calidade que elas merecen; que o pague todo no Ensino Público, por suposto. Porque no privado, concertado ou sen concertar, que cada quen pague o que escolleu", sentenzan.

XUNTA


Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que "o 99 por cento" do alumnado non terá que realizar "ningún trámite" para obter as máscaras gratuítas que desde este luns as familias con menos ingresos poden solicitar nos propios centros.

A Consellería Educación recalcou a Europa Press que tan só o "1 por cento" das familias terá que solicitalas desta forma, porque ao resto as máscaras "seranlles asignadas de forma directa", sen trámites, ao ser xa beneficiarias das axudas de material escolar.

Ademais, a Consellería defende que a orde de convocatoria desta axuda réxese por por o establecido na Lei de Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas, é dicir, que segue "o mesmo proceso administrativo que é aplicable para todas as convocatorias públicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta