Profesionais do teatro denuncian a exclusión de varias compañías das axudas do Agadic

Varias compañías con máis de tres décadas de traxectoria profesional quedaron fóra da selección deste ano debido aos cambios introducidos no proceso de selección de proxectos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

A Academia Galega de Teatro manifestou o seu "rexeitamento" nun comunicado aos medios ante os cambios nas bases das Axudas á Creación Escénica 2020, tras os que lle esixe á Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) que "sente a negociar con toda a profesión teatral" para mudar ditas bases de cara a convocatoria do ano 2021. En concreto, estes cambios refírense á anulación do apartado de "valoración obxectiva ao equipo artístico", no que se tiñan en conta as titulacións oficiais relacionadas coas artes dramáticas e musicais,

Teatro Afundación de Vigo
Teatro Afundación de Vigo | Fonte: XdV

os premios recibidos e a traxectoria profesional.

Desta maneira, e ao contrario do que viña sucedendo nos últimos anos, desta vez non se teñen en conta a formación, traxectoria ou premios acadados por parte do equipo artístico. A Academia de Teatro considera que "esta exclusión supón ignorar o peso e a contribución artística ás montaxes teatrais de actores e actrices, de profesionais da escenografía, da iluminación, do vestiario e doutras tantas disciplinas que coadxuvan á calidade artística dun espectáculo". Ademais, engade que "menospreza a formación e traxectoria de cada un destes axentes creativos e desdeña os premios acadados polos profesionais do sector".

Por outra banda, o novo sistema tampouco ten en conta a propia traxectoria das compañías, de maneira que se valora exclusivamente a actividade dos últimos dous anos e "despreza" o papel que puideran ter xogado na creación do tecido teatral galego tal e como o coñecemos na actualidade, sinala a Academia.

Como resultado destes cambios, o proceso deixa nas mans dunha comisión –escollida pola propia Agadic– a valoración subxectiva do equipo artístico, sen que se coñezan os baremos que a devandita comisión aplicará para esta valoración e sen que as súas resolucións poidan ser discutidas sobre bases obxectivas.

VARIAS COMPAÑÍAS QUEDAN FÓRA

Na resolución da convocatoria do ano 2020, estas mudanzas no proceso de escolla de proxectos tivo como consecuencia, segundo expón a Academia Galega de Teatro, que varias compañías cunha traxectoria profesional de máis de tres décadas –así como outros proxectos– quedasen fóra das axudas dunha axencia que, segundo os seus estatutos, debe “asumir, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, acrecentando os esforzos e recursos destinados a mellorar e afondar nestas medidas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola consellería competente en materia de cultura”, lembra a Academia.

Por todo isto, a Academia reitera que este proceder non está de acordo cos obxectivos para os que a Agadic foi creada. Por iso solicítalle á Axencia Galega de Industrias Culturais que consensúe con todas as asociacións profesionais os cambios necesarios para que a situación creada en 2020 non se repita na convocatoria de 2021, e que estableza canles de comunicación con elas para salvagardar os intereses das artes escénicas galegas, dos profesionais do sector e do público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta