CESM urxe ao Sergas a cumprir "coa obriga de publicar a convocatoria" de acceso á Carreira Profesional

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) presentou un requirimento no rexistro de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde para instar ao Sergas "a que cumpra coa obrigación de publicar a primeira convocatoria de acceso aos graos do I ao IV da Carreira Profesional".

Así o sinalou nun comunicado, no que CESM acusa ao Sergas de "contravenir os seus propios acordos" publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) sobre o acceso aos graos do I ao IV da Carreira Profesional, cuxa convocatoria, puntualiza, "debería facerse pública no segundo semestre deste ano e, con todo, na Mesa Sectorial de Sanidade do pasado 6 de novembro anunciouse que o proceso de recoñecemento de novos graos de carreira profesional quedaba paralizado sine die".

Este sindicato médico explica que, tras a aprobación do Decreto 155/2005 sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional estatutario, das categorías de licenciados sanitarios do Sergas, no DOG de 30 de xullo de 2018 publicouse o acordo sobre as bases da carreira profesional, no que se establecía que a primeira convocatoria para acceder aos graos do I ao IV publicaríase no segundo semestre de 2020.

Ademais, no DOG do 22 de agosto de 2019 publicouse a Resolución da Dirección de Recursos Humanos, na que se recollían os criterios de avaliación que se aplicarían en 2020 para ese acceso, e reiterábase que a primeira convocatoria tramitaríase no segundo semestre de 2020.

"Ante esta situación, este martes unha representación dos delegados sindicais concentrouse ante a Consellería de Sanidade tras unha pancarta na que se podía ler 'Galicia é a Comunidade que peor trata aos seus facultativos' e, a continuación presentaron un requirimento no rexistro de Recursos Humanos, instando ao Sergas a que cumpra coa obrigación de publicar a primeira convocatoria de acceso aos graos do I ao IV da carreira profesional", sinala CESM.

Concentración convocada por CESM diante da sede do Sergas en Santiago.. CESM
Concentración convocada por CESM diante da sede do Sergas en Santiago.. CESM | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta