Caramelo bota a cen traballadores en Galicia

A firma de moda pesenta un ERE para 201 traballadores e quedará con 6 tendas e 42 'corners'.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/05/2013 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A firma de moda Caramelo presentou este venres ante a autoridade xudicial un expediente de regulación de emprego (ERE) que afectará a un total de 201 traballadores, a metade deles --99--, traballan en Galicia.

Dos traballadores incluídos no ERE, 82 pertencen á central situada na Coruña, e 119, a tendas (17 deles traballan en puntos de venda situados na Galicia). Segundo informou a empresa, que está integrada no grupo Inveravante, a corporación fundada en 2007 por Manuel Jove, o obxectivo deste ERE é "evitar o peche da compañía", cuxas perdas operativas soamente no último exercicio ascenderon a 15 millóns de euros.

A presentación do ERE prodúcese despois de que a firma de moda solicitase o concurso voluntario de acredores en abril. A partir de agora, ábrese o período de negociación dun mes. Fontes próximas á empresa explicaron a Europa Press que se trata de "un ERE de máximos", de forma que se se produce unha evolución comercial positiva e lógranse recuperar as vendas, "podería baixarse o número" de empregados afectados.

Plan de viabilidade

O plan de viabilidade previsto pola dirección da empresa até o ano 2018 contempla o mantemento unicamente das unidades de negocio consideradas rendibles e rexeita aquelas nas cales se detectaron perdas de forma recorrente.

Así, este plan de viabilidade prevé pasar de 15 a 6 tendas propias, de forma que se manterán abertas as dúas que ten na Coruña (Praza de Lugo e Marineda City), a de Santiago de Compostela e as de Barcelona,  Bilbao e Oviedo.

Con respecto aos 'corners' no Corte Inglés, reduciranse de 103 a 42. No entanto, a compañía indicou que en función da evolución comercial nos próximos meses, podería decidirse manter algún outro punto de venda aberto.

Tenda de Caramelo na Coruña
Tenda de Caramelo na Coruña | Fonte: galiciademoda.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta