Os retos da comunicación corporativa na 'nova normalidade'

Este será o tema do Foro da Comunicación 2020 que organiza Expourense en colaboración co Clúster da Comunicación de Galicia. O evento terá lugar o 20 de novembro e poderá seguirse de xeito virtual e gratuíto.

Por X.M. Fernández | Ourense | 18/11/2020 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Analizar os cambios que a pandemia está provocando no xeito de comunicar e abordar os retos da comunicación corporativa en tempos de crise. Estes serán os obxectivos principais do Foro da Comunicación de Galicia que Expourense, coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia, organiza este venres 20 de novembro pola mañá. Trátase dunha actividade que se poderá seguir en liña a través da plataforma dixital Zoom, aínda que Expourense ofrece tamén a posibilidade de seguilo a través do equipamento audiovisual das súas instalacións. A inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse a través de www.expourense.org.  

Imaxe do Foro da Comunicación 2019. Fonte: Expourense
Imaxe do Foro da Comunicación 2019. Fonte: Expourense

A denominada “nova normalidade” trae consigo cambios nas estratexias informativas de empresas e institucións que tiveron que adaptar os seus plans de marketing e de comunicación á situación actual. Este Foro inclúe dúas clases maxistrais nas que dous recoñecidos relatores explicarán polo miúdo e dende a súa experiencia como profesionais, como a pandemia ten influído no seu traballo diario. O presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e da Asociación Galega de Marketing Markea, Xosé Luis Reza, explicará como adaptar un Plan de Marketing ao contexto COVID-19. Pola súa parte a directora da Marketing e Comunicación Dixital da Consultora Torres y Carrera, Laura Vázquez, abordará a evolución da comunicación corporativa dende o comezo da crise ata o momento actual.

O Foro da Comunicación deste ano inclúe ademais unha mesa redonda que aborda conceptos como a “infodemia” (termo que alude ao exceso de información sobre a pandemia) e como esta ten afectado ás relacións informativas entre institucións, empresas, gabinetes e medios de comunicación. Contará coa participación de Myriam Sierra e Carlos Bermello, responsables do Servizo de Comunicación da Área Sanitaria do Complexo Hospitalario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que contarán como viviron os momentos máis duros da pandemia e cal foi a súa relación cos medios de comunicación.

Representando ás empresas e aos xestores de medios, participa tamén nesta mesa o director de Desenvolvemento Estratéxico en Avante Evolumedia, Álvaro Brandau, que falará sobre como as empresas tiveron que cambiar as súas campañas para poder empatizar con clientes e usuarios. O último dos relatores desta mesa de debate será o representante da demarcación de Ourense do Colexio de Xornalistas de Galicia, Javier Fraiz, quen abordará os cambios que a trouxo a pandemia para este sector a nivel laboral, pero tamén persoal.

Aínda que se faga esta edición virtual prevese que o vindeiro mes de febreiro se celebre unha nova edición do Foro da Comunicación de Galicia, xa de carácter presencial, e que tería lugar na mesma xornada que a Gala de entrega dos Premios Paraugas do Marketing e da Comunicación de Galicia.

Esta edición conta co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta