Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 22:25
Novo episodio de denuncia pola situación da Mina de Santa Comba. Ecoloxistas en Acción demanda vén de demandar ao Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria na Coruña que adopte medidas para remediar o que consideran un "risco grave" pola situación de labores mineiras "sen restaurar" no Grupo Mineiro Santa Comba.
De acordo coa organización ecoloxista, a "deixación de funcións" da Xunta podería chegar a ter "graves consecuencias en termos de perda de vidas humanas, outros danos e perxuizos económicos derivados". Por estas razóns, Ecoloxistas en Acción solicita tamén á Xefatura Territorial "que se proceda a incoar expediente sancionador" contra a empresa concesionaria, GALICIA TIN & TUNGSTEN SL. Segundo defenden, esta tería xerado "unha situación de risco para a vida das persoas e a fauna" ao "non cumprir as súas obrigas de manter en seguranza as labores mineiras dentro das concesións".
A plataforma Ecoloxistas en Acción asegura que a Xefatura Territorial e a Administración mineira é "perfectamente coñecedora" da situación existente "dende hai décadas" na mina. Segundo destacan, nos arquivos da xefatura hai "numerosas denuncias de particulares e informes da Consellería de Medio Rural" que, nas súas palabras, "evidencian a gravedade do problema", sen que a Administración mineira "teña actuado".
"ILÍCITOS PENAIS"
Nestas circunstancias, as demandas da plataforma oriéntanse tamén a que se leve a cabo unha revisión de oficio do proxecto de restauración que está a desenvolver a concesionaria. Segundo destacan, na tramitación deste proxecto "existen indicios de ilícitos penais", unha circunstancia que xa foi denunciada por outras asociacións ecoloxistas semanas atrás.
Así, as demandas de Ecoloxistas en Acción únense ás xa pronunciadas por diversas plataformas que alertaron nos últimos días da presenza de verquidos "tóxicos" nas inmediacións da mina como consecuencia do bombeo das augas que levan nesta dende os anos 80, podendo conter "metais pesados". O concello de Santa Comba xa negou que houbera contaminación na mina de Varilongo, pero a loita continúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.