Cal é o futuro da música tradicional e o papel das mulleres na súa transmisión?

Unha xornada da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s analiza esta situación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/11/2020 | Actualizada ás 08:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) organiza unha nova edición das xornadas 'Tradición en Feminino', un ciclo co que a organización, en colaboración coa Deputación da Coruña e mais o Concello de Rianxo, busca reivindicar o "enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural".

Dorothe Shubart nunha sesión de recolleita de música tradicional e popular galega
Dorothe Shubart nunha sesión de recolleita de música tradicional e popular galega | Fonte: tocarbajoteito.blogspot.com

Durante estas xornadas, que terán lugar o día 22 de novembro no pazo de Rianxiño, en Rianxo, poderase gozar de obradoiros prácticos, charlas e unha mesa de debate, sempre cumprindo con todas as medidas de seguridade necesarias por mor da Covid-19 e cunha limitación de aforo, segundo explica a asociación no comunicado remitido aos medios. Para ampliar o público na medida do posible, as xornadas tamén serán retransmitidas en liña na páxina de Facebook da asociación, onde quedará gardada a publicación unha vez remate o encontro.

As xornadas darán comezo cunha conversa con Eclíptica Orbita, máis coñecida como Maruxa dos Rosales, que naceu no Araño (Rianxo) no 1936. Esta muller "non só abriu camiño senón que o construíu". Ela era a única muller que tocaba nun grupo de gaiteiros e converteuse no verdadeiro reclamo para Os Rosales. "A súa voz, os seus toques innovadores no bombo, ou simplemente a súa presenza, facíana especial", explican dende a asociación. "Ninguén mellor ca ela para dar comezo a esta xornada".

Logo de percorrer o mundo de Maruxa dos Rosales, virá a quenda do obradoiro “Mulleres que contan. Obradoiro de recolla e posta en valor da música de tradición oral” que estará a cargo da primeira etnomusicóloga titulada galega, Xulia Feixoo. Durante a primeira parte do ciclo abordaranse conceptos fundamentais relacionados co traballo de recolla: introdución ao método etnográfico, proceso de documentación e entrevista etnográfica. Na segunda parte estudaranse algúns casos de posta en valor do patrimonio musical cunha perspectiva de xénero, co obxectivo de que as asistentes poidan tirar ideas sinxelas e creativas para elaborar os seus propios proxectos.

Xa logo, na xornada da tarde, terá lugar o Relatorio “Tradicionalmente sen xénero” da man da compositora, vocalista e instrumentista galega Mercedes Peón. Para finalizar as xornadas organizarase un coloquio que leva por título “Perspectivas de xénero sobre a música tradicional” no que intervirán Xulia Feixoo, Mercedes Peón e Noemí Basanta, e estará moderado por Marina F. Vigo.

As inscricións para acudir a este ciclo deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta