Universidades e Xunta comprométense a unir esforzos contra a violencia machista

"Moito camiño por percorrer": esa é a conclusión das institucións galegas e a Xunta tras valorar a implantación do Pacto de Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e os reitores das tres universidades galegas --Antonio López, da USC; Julio Abalde, da UDC; e Manuel Reigosa, da UVigo--, visitaron este mércores o centro de recuperación integral para vítimas de violencia xénero, onde fixeron balance dos dous anos de desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia machista en Galicia.

No acto, presentado pola secretaria xeral de igualdade, Susana López Abella, e que tamén contou coa presenza das vicerreitoras das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, fíxose balance tamén dos convenios de colaboración dos centros galegos para o desenvolvemento de medidas que, no marco deste acordo estatal, loiten por eliminar a desigualdade, non só entre a comunidade educativa, senón tamén en toda a sociedade galega.

A importancia de chegar "a todos" foi un dos puntos sinalados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que pediu a todo o sistema universitario que actúe de "avanzada" en materia de igualdade. "Dada a nosa responsabilidade, debemos aplicar políticas que cheguen a todos os ámbitos, non só o universitario", manifestou.

A realización e publicación de estudos e investigacións sobre desigualdade e violencia de xénero é o outro alicerce sobre o que pivota o plan desta universidade. Reigosa quixo destacar que, desde o inicio da pandemia de covid-19, os investigadores publican máis que as súas homólogas femininas. "Isto non ocorre porque os homes descansen, senón porque as mulleres están a realizar traballos, especialmente de coidados, dos que os homes parecen estar exonerados", explicou o reitor.

Os tres reitores coincidiron no perigo que supón para a igualdade a "apertura de novas brechas de xénero", que se suman a aquelas "de sempre e aínda presentes". Na liña do seu homólogo vigués, Julio Abalde, da Universidade da Coruña, referiuse ao reto que supón a implantación do teletraballo tras a chegada da covid-19, "que pode chegar a abrir unha nova brecha" entre sexos.

O tres universidades e a Xunta axuntan esforzos contra a violencia de xénero.. Xunta de Galicia
O tres universidades e a Xunta axuntan esforzos contra a violencia de xénero.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Doutra banda, o reitor da universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, referiuse ao Pacto de Estado e ás medidas que se están desenvolvendo no seo da institución santiaguesa. "É intolerable que no noso Estado de Dereito siga habendo violencia de xénero, que é só a punta. Hai un problema de base, de valores; un problema educativo e de formación. E aí debemos entrar nós", agregou.

Ademais de mencionar algunhas das campañas que leva a cabo a USC en materia de sensibilización e algúns dos novos campos de investigación como a violencia de xénero contra menores e mulleres maiores, o reitor da universidade de Santiago quixo lembrar a algunhas galegas pioneiras como Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal, das que dixo que conseguiron traspasar "teitos non de cristal, senón de formigón".

MEDIDAS DA XUNTA

A conselleira de emprego e igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou o acto poñendo en valor algunhas das medidas nas que a consellería vai incidir a partir deste 2020. A representante da Xunta explicou que se incluirán os fitos feministas nos libros de historia, así como módulos de xénero nos másteres habilitantes de profesorado. Tamén se fomentarán as investigacións sobre prostitución e violencia sexual, entre outras medidas.

Lorenzana, que se sumou ao desexo do reitor coruñés sobre unha maior presenza de mulleres en altos cargos, agradeceu aos reitores das universidades galegas, especialmente ás respectivas unidades de igualdade de xénero, o seu compromiso coa igualdade. "A universidade é o ámbito de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, por iso, é neste ámbito onde se debe fomentar a reflexión e o traballo nunha igualdade real", destacou.

A conselleira insistiu na importancia dun "consenso institucional, político e social sen fisuras para erradicar a violancia contra as mulleres".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta