Os profesionais da hostalaría "xa non teñen nada e empezan a pasar fame", denuncian

Medio milleiro de traballadores do sector concentráronse este mércores en Ferrol para demandar que non lles sigan cobrando os impostos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

Uns 500 profesionais vinculados co sector da hostalaría, tanto propietarios de negocios como empregados, ademais de empresas de distribución, da cultura e lecer infantil, volvéronse a concentrar no mediodía deste mércores, 18 de novembro, na praza de Armas de Ferrol para denunciar que algúns deles "non teñen nada, que empezan a pasar fame, están a empezar a ter que pedir para poder comer, algo que non podemos permitir e que ademais non é xusto".

Ditas manifestacións realizounas Azucena R. L., unha empresaria que ten un local de lecer nocturno coa súa parella en pleno barrio da Magdalena, en Ferrol, e que leva "practicamente oito meses pechados, salvando mes e medio que nos permitiron abrir, pagando a pesar diso impostos", e que exerceu de portavoz do colectivo.

"Se non podemos ingresar, non podemos pagar, xa que á parte das axudas, o que non se pode permitir é que nos sigan cobrando os impostos, porque é inviable manter así un negocio", esgrimiu. Con respecto ás axudas que están a convocar as administracións, a portavoz detallou que "estas traen implícitas unhas condicións que moitos non poden cumprir".

"Un dos requisitos é que nos obrigan a estar como mínimo un ano abertos, e tal e como está a situación iso é impredicible, o que nos obriga case a ter que renunciar a elas, xa que nos arriscamos a ter que pechar e facelo ademais con máis débeda, ao final son dardos envelenados", explicou.

A portavoz deste colectivo tamén agradeceu o apoio que tiveron nesta mobilización do sector da distribución aos seus locais, incidindo en que a hostalaría "move a outros moitos sectores, desde pescaderías, carnicerías, produtos de limpeza, panadarías, isto é toda unha cadea", reclamando ás Administracións que "non paren determinadas cousas, que se poden, para que nós poidamos subsistir".

CARAVANA DE CAMIÓNS E FURGONETAS

Por outra banda, uns 50 vehículos, entre camións de repartición e furgonetas, protagonizaron unha caravana que se iniciou ás 11,15 horas no polígono de Vilar do Colo, en Fene, para discorrer polos municipios de Neda e Narón, para logo entrar en Ferrol, ata a praza de Armas.

Neste punto estacionaron os seus vehículos e sumáronse á concentración, onde moitos dos presente utilizaron chifres e tamén cacerolas para facerse ouvir.

Protesta en Ferrol de representantes do sector da hostalaría.
Protesta en Ferrol de representantes do sector da hostalaría. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta