O alcalde de Carballo pediu cribados na área ante o avance de contaxios na comarca

O Consistorio carballés sinala que, segundo as autoridades sanitarias, a comarca ten nestes momentos a "incidencia acumulada máis alta de todas as zonas perimetradas", xa que supera os 800 casos por 100.000 habitantes.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/11/2020 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

O alcalde de Carballo, o nacionalista Evencio Ferreiro, pediu á Consellería de Sanidade que realice cribados na zona ante o avance dos contaxios da covid-19, que manteñen a varios municipios da comarca de Bergantiños con peches perimetrais.

Nun comunicado remitido aos medios, o Concello de Carballo informa dunha reunión celebrada este mércores entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cos rexedores das localidades da zona perimetradas conxuntamente e coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica García, para abordar a situación.

O Consistorio carballés sinala que, segundo as autoridades sanitarias, a comarca ten nestes momentos a "incidencia acumulada máis alta de todas as zonas perimetradas", xa que supera os 800 casos por 100.000 habitantes.

Así mesmo, apunta que, aínda que Carballo é o municipio con máis casos positivos en números absolutos --un total de 185--, é o que ten a incidencia máis baixa, con 577 casos por 100.000 habitantes. No extremo oposto sitúase Cabana de Bergantiños, cunha incidencia de 1.500 casos por 100.000 habitantes.

Ademais, sinala que, conforme aos datos achegados na reunión, excepto en Laxe --onde hai seis casos menos que a semana pasada--, a situación está a empeorar na comarca, que no seu conxunto rexistra 112 positivos máis que fai sete días.

"A tendencia á alza mantense, segundo indicaron as autoridades sanitarias, polo que as restricións impostas a semana pasada vanse a manter polo menos ata o 4 de decembro", explica o Concello de Carballo, que precisa que as medidas se establecen cando os municipios alcanzan unha incidencia acumulada en 14 días superior a 200-250 casos e que se retiran cando esta baixa, como mínimo, a 125.

O Concello da capital bergantiñá tamén sinala que, no encontro telemático, os rexedores expresaron a súa preocupación e pediron á Consellería de Sandiade máis cribados entre colectivos sensibles.

Neste punto, Evencio Ferrero destacou a singularidade do CEIP Fogar, o colexio con maior incidencia de toda Galicia --con 39 positivos--, e manifestou a preocupación da comunidade educativa, especialmente das familias.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na reunión telemática co conselleiro de Sanidade. CONCELLO DE CARBALLO
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na reunión telemática co conselleiro de Sanidade. CONCELLO DE CARBALLO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta