Os empresarios pontevedreses non apoiarán a candidatos con "iniciativas localistas"

A CEP condiciona o seu apoio ao novo presidente da patronal galega a que saiba "acordar" e defender "o territorio".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/11/2020 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, condicionou o apoio desta organización provincial ao novo presidente da CEG (que se elixirá a semana que vén) a que saiba "acordar" e "sexa sensible aos problemas do territorio".

Así o trasladou, en declaracións aos medios e a preguntas dos xornalistas, tras unha reunión de traballo en Vigo coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

A Confederación de Pontevedra rompeu hai meses coa patronal galega (xa se apartou da CEG temporalmente en 2017), e Cebreiros condicionou a continuación das relacións a que o futuro presidente "faga as cousas ben". "Ten que acordar, ser sensible aos problemas do territorio, por exemplo, que se manifeste claramente a favor do Corredor Noroeste de mercadorías", sinalou.

Segundo advertiu, a CEG non pode encabezar ou apoiar "iniciativas localistas, que impiden avanzar", e debe defender "o que é bo para o territorio galego".

A CEP trasladou hai uns días o seu apoio a un dos candidatos que se presenta á presidencia da patronal galega, Pedro Rey, aínda que este xoves Cebreiros precisou que se deu "liberdade de voto" aos asemblearios da organización pontevedresa. "Gañe quen gañe debe porse a traballar, porque a CEG nos últimos anos non foi precisamente exemplo de unidade, de consenso nin de democracia. Dependendo de quen sexa elixido e do que traslade, estermos atentos", subliñou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, durante un encontro. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, durante un encontro. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta