Flexibilidade horaria ou teletraballo, base das instrucións da Xunta para adecuar as prácticas de FP á pandemia

Román Rodríguez presenta o documento ao colectivo empresarial.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/11/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

As instrucións que preparou a Xunta para adaptar as prácticas de Formación Profesional á pandemia e a posibles escenarios que poidan impedir levalas a cabo baséanse en dúas claves: a flexibilidade horaria e de prazos e o teletraballo. O documento, proposto polo comité educativo asesor da Xunta, foi presentado este xoves por parte do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Roman Rodríguez, nunha reunión con empresarios, asociacións provinciais e cámaras de comercio.

Formación Profesional
Formación Profesional | Fonte: Europa Press

No caso excepcional de que non se poidan levar a cabo ou completarse de modo presencial, os módulos de Formación Práctica en Empresa poderanse realizar de forma telemática mediante a fórmula de teletraballo, sempre que a empresa ou institución ofreza esta posibilidade.

Doutra banda, poderase reducir o período da formación práctica ata o mínimo establecido por normativa, é dicir, 220 horas en grao medio e superior e 130 en FP Básica. Neste caso, a FCT completaríase mediante prácticas en talleres propios destes centros ou mediante unha proposta de actividades asociada á contorna laboral.

Outra das directrices apunta á flexibilización dos tempos, mediante días non locativos, ampliando ao máximo a estancia de horas en empresas ou o período de prácticas, ata o 31 de agosto.

O documento tamén incorpora a exención total ou parcial do módulo práctico para aquel alumnado que poida acreditar unha experiencia laboral mínima de seis meses, a tempo completo, e relacionado cos seus estudos profesionais.

O alumnado de FP Dual, pola súa banda, realizará as actividades nos centros de traballo segundo o establecido nos convenios e acordos de colaboración coas empresas, aínda que os centros educativos poderán reprogramar a formación de cada alumno con actividades de reforzo cando non sexa posible realizalas nas empresas debido á evolución da COVID-19.

ELEVADA INSERCIÓN

Román Rodríguez destacou que estas propostas posibilitarán a "seguridade" do alumnado "sen perder a calidade e o contacto" co mundo laboral, tendo en conta un contexto de pandemia que "modifica substancialmente" a relación coa empresa.

Así, valorou que estas instrucións ofrecen alternativas que se adaptarán en función das posibilidades de cada especialidade, e permitirán que o alumnado poida contactar co mundo da empresa tendo en conta que estas accións formativas "aumentan a competitividade" e a inserción laboral dos estudantes.

Segundo os datos da Xunta, preto de 8.000 alumnos realizan cada ano prácticas en empresas e outros 2.000 fano en FP Dual.

Así mesmo, Rodríguez destacou que preto do 86% atopa un traballo meses despois de terminar o ciclo formativo, cifra que se eleva ao 92 por cento no caso da FP Dual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta