Anpas Galegas cre que o confinamento deixou ver o "analfabetismo tecnolóxico" de docentes e alumnos

"O sistema educativo galego está absoluta e rotundamente pechado. É imposible entrar. Parece que toda reunión é un ataque ou unha crítica, e non o é", din desde Anpas Galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2020 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O paso á teledocencia co peche das aulas decretado a mediados do pasado mes de marzo polo avance da covid supuxo un "bofetón de realidade" pois, a diferenza do que se cría, nin as competencias tecnolóxicas de alumnos, profesores e pais eran as que se pensaban nin as familias dispuñan dos medios para seguir coa actividade escolar a distancia.

Díxoo o presidente da Confederación ANPAS galegas, Fernando Lacaci, durante a súa intervención na comisión de reactivación do Parlamento de Galicia, onde demandou que se aproveite "a foto fixa" do sistema educativo que brinda a crise do covid para acometer cambios que, ao seu xuízo, urxen para así deixar atrás un modelo "decimonónico" carente de participación.

"O sistema educativo galego está absoluta e rotundamente pechado. É imposible entrar. Parece que toda reunión é un ataque ou unha crítica, e non o é", sinalou Lacaci, que demandou apertura á Administración autonómica á hora de contar coa visión de nais, pais e demais axentes do universo educativo.

"Se non nos eschamos cada un manteremos o sistema educativo decimonónico que temos agora, no que a administración dita sen ter en conta a realidade que está a ordenar", sentenciou o presidente de ANPAS Galegas, que cre "imprescindible" contar cunha lei de educación a nivel autonómico que sirva para adaptar o sistema educativo ás necesidades actuais.

Unhas necesidades que, a xuízo da entidade que encabeza, pasan, entre outras cuestións, por desenvolver as competencias informáticas tanto de profesores como de alumnos e os seus pais, pois o paso á toledocencia durante o confinamento significou un "bofetón de realidade" polo "analfabetismo tecnolóxico" dos distintos actores da comunidade educativa.

E é que, segundo denunciou, os docentes demostraron non ter "competencias" para desenvolver as súas funcións na modernidade, algo que considera que "non é 100 por 100 imputable" aos propios profesores, senón que "maiormente é culpa do sistema".

Por iso, demandou un programa de formación ao profesorado en competencias de formación a distancia, así como un reforzo na atención específica a alumnos con necesidades especiais, que presenta unha realidade "mala en primaria e malísima en secundaria" por, di, falta de recursos económicas para que poida prestarse en condicións aceptables.

"Non existe capacidade tecnolóxica para asumir a teledocencia", sentenciou durante a súa intervención Lacaci, que lembrou que moitas das familias carecían de equipos ou de conexións a Internet que permitisen continuar coas actividades lectivas cos centros pechados.

Tras censurar que se conciba unha educación "limitada ao acadecimiso", o presidente de Anpas Galegas puxo o foco na "desconexión" entre os centros educativos e as familias, nas que, segundo denunciou, houbo problemas á hora de resolver as dúbidas que se presentaban no día a día.

E é que unha enquisa realizada por Anpas Galegas apunta a que máis do 50% dos contidos en primaria e o 66% en secundaria non estaban adaptados á teledocencia.

O GALEGO, "GRAN PREXUDICADO"

Por último, Lacaci subliñou que a lingua galega foi a "gran prexudicada" do confinamento na educación debido á ausencia de contidos docentes no idioma propio de Galicia.

Isto fixo que o castelán "se impuxese por goleada" ao recorrer a el como "un mal menor" ao non existir contidos en liña en galego para aquelas materias que se imparten nesta lingua.

Alumnos atende desde as súas ordenador clases virtuais. Foto de arquivo.. Marta Fernández Xara - Europa Press
Alumnos atende desde as súas ordenador clases virtuais. Foto de arquivo.. Marta Fernández Xara - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta