O PP di que utilizará a Xunta para protexer a educación concertada e loitar contra a 'Lei Celaá'

Os populares din que con decretos autonómicos tratarán de "bloquear" os aspectos lesivos da lei e que Sánchez fixo "bo a Zapatero".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 20/11/2020 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O vicesecretario de Política Territorial do PP, Antonio González Terol, asegurou este venres que desde as comunidades autónomas gobernadas polo PP, entre elas Galicia,  tratarán de "parar", vía ordes e decretos, os aspectos "máis lesivos" da chamada 'Lei Celáa' para protexer a liberdade de elección e a educación concertada e especial. Ademais, asegurou que esta norma tamén vulnera competencias municipais.

"Hai competencias que quedan no ámbito municipal que están vulneradas por esta lei como o dereito a poder sacar unha concesión sobre un chan público", explicou González Terol nunha entrevista en Antena 3, que recolleu Europa Press.

Así, denunciou a falta de consenso coa comunidade educativa, algo que, segundo recalcou, nunca pasara. "A señora Celáa, o señor Sánchez e o señor Iglesias terminaron facendo bo ao señor Zapatero porque polo menos contou con certa participación da comunidade educativa", abundou.

OFENSIVA DO PP EN VARIAS FRONTES

O responsable de Política Territorial do PP detallou as accións contra esta reforma educativa que puxo en marcha o seu partido e que inclúen recollida de firmas na rúa, mocións en todos os concellos e Parlamentos autonómicos, apoio ás manifestacións deste domingo en defensa da concertada e un recurso ao Tribunal Constitucional cando a lei estea definitivamente aprobada.

Ademais, confirmou que van estudar como actuar desde as súas comunidades autónomas, xa que, segundo explicou, hai "capacidade normativa" como ocorreu no pasado coa Lei Orgánica Educativa (LOE) para que "no desenvolvemento vía decretos e ordes das consellerías poder parar parte das accións máis lesivas que poidan pór en marcha esta lei".

O vicesecretario de Política Territorial do PP, Antonio González Terol, durante unha sesión plenaria no Congreso dos Deputados, en Madrid (España), a 20 de outubro de 2020.. EUROPA PRESS/R.Rubio.POOL - Europa Press - Arquivo / Europa Press
O vicesecretario de Política Territorial do PP, Antonio González Terol, durante unha sesión plenaria no Congreso dos Deputados, en Madrid (España), a 20 de outubro de 2020.. EUROPA PRESS/R.Rubio.POOL - Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta