Feijóo defende subir os soldos dos seus altos cargos para que non sexan discriminados "como funcionarios"

Ve "razoable e xustificada" esta decisión para evitar "unha asimetría" con subdirectores xerais e outros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2020 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a subida do 0,9% das retribucións dos altos cargos do Goberno galego para o ano que vén, en lugar da súa conxelación --como se decidiu para el e os membros do Consello, porque "a inmensa maioría son funcionarios" e para evitar "unha asimetría" con subdirectores xerais e outros funcionarios que si percibirán esa suba de salario.

Na rolda de prensa posterior ao Consello que este venres aprobou o proxecto de orzamentos, Núñez Feijóo valorou esta decisión como "razoable e xustificada". "Todo é opinable", admitiu a preguntas dos xornalistas, aínda que engadiu que, "vendo a orixe" dos altos cargos, "a inmensa maioría, o 90%" son funcionarios públicos "e podíase dar o paradoxo de que subdirectores e outros funcionarios" si teñan "ese dereito" de incrementar as súas retribucións, pero "funcionarios que ocupan provisionalmente o alto cargo non o tivesen". Iso, a pesar de que o seu nomeamento como altos cargos é integramente político.

Só no departamento de Presidencia e da Consellería de Política Social os empregados do sector público son minoría, na liña das palabras de Feijóo de que a "inmensa maioría" dos altos cargos "son funcionarios". Isto é, de seis altos cargos dependentes de Feijóo só un é funcionario (o responsable de Deporte), e no caso da consellería de Fabiola García, tres altos cargos non eran empregados públicos con anterioridade ao seu nomeamento.

"OPINABLE"

"É opinable", insistiu, antes de precisar que isto é o que sostén "o Goberno da Xunta neste primeiro momento", despois de conxelar os soldos só aos membros do Executivo. En calquera caso, Feijóo indicou que está "disposto a mellorar" as decisións e apostou por "repasar" o número de altos cargos e a súa orixe e manter a subida se "se confirman" os "datos provisionais" que apuntan, segundo reiterou, que "a inmensa maioría" dos altos cargos "son funcionarios".

CONXELAR O SOLDO

Na súa resposta aos medios de comunicación, o titular da Xunta destacou que "desde o principio" a súa postura "quedou clara" ao entender que hai que conxelar as retribucións "do goberno autonómico, os municipais e provinciais e do central".

Por iso, lembrou, manifestouse en contra do aumento inicialmente previsto para o Executivo central, o mesmo que ocorreu con "algunha corporación provincial", en alusión á Deputación de Pontevedra.

SOLDOS QUE COBRARÁN

No borrador de orzamentos co que se chegou ao Consello da Xunta deste venres, recóllese un salario para o presidente da Xunta para o próximo ano, que ascenderá a 78.089,88 euros --que tamén é funcionario pero que no seu caso si verá conxelado o soldo, ao que se lle suman máis de 6.700 euros de trienios; mentres que os seus dous vicepresidentes e os conselleiros percibirán 68.154,24 euros cada un.

A subida do 0,9% afecta a secretarios xerais, secretarios xerais técnicos, directores xerais e delegados territoriais e asimilados. Para eles, recóllese un total de 60.287,90 euros anuais, fronte aos 59.750,20 euros que actualmente tiñan estipulados, tal e como se pode confirmar na web de Transparencia da Xunta.

Isto supón 537,7 euros máis, un 0,89 por cento de subida para os 56 altos cargos da Xunta que dependen das consellerías e do presidente, aos que hai que sumar os sete delegados territoriais e cargos análogos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este venres en Consello. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este venres en Consello. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta