A educación concertada manifestarase en Galicia contra a 'Lei Celaá' este domingo

Colectivos de Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo súmanse ás protestas organizadas en 30 provincias no Estado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/11/2020 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A Plataforma Más Plurales, que aglutina a asociacións de pais e nais de alumnos, sindicatos, empresas e diferentes colectivos do sector da educación concertada, volverá concentrarse este domingo en máis de 30 provincias para mostrar o seu rexeitamento á LOMLOE, a reforma da lei educativa coñecida como 'lei Celaá'.

Protesta do profesorado da ensinanza concertada diante da sede da Xunta
Protesta do profesorado da ensinanza concertada diante da sede da Xunta | Fonte: Feuso - Arquivo.

Baixo o lema 'Polo dereito a elixir a educación que queremos', os convocantes chamaron á mobilización con vehículos, de 11.00 a 13.00 horas, en provincias de todas as comunidades autónomas, fóra de Cataluña, País Vasco, Canarias, Comunidade Valenciana. Tampouco se prevén concentracións en Zamora, Salamanca, Ávila, Segovia e Soria.

"Este domingo toda España vestirase de laranxa para gritar que coa LOMLOE máis de 47 millóns de españois perderán liberdade Non te resignes e sal en coche a manifestarte!", chaman os impulsores das protestas.

En Galicia, as marchas realizaranse a partir das 11,00 horas en Ferrol, desde a Feira de Mostras; na Coruña, desde Riazor; en Lugo, desde FRIGSA, rolda da muralla, San Fernadno; en Ourense desde Expourense; e ás 12,00 horas en Vigo, Samil.

A mobilización deste domingo súmase ás outras catro celebradas este mes de novembro fronte ao Congreso dos Deputados e nos centros escolares, e enmárcase no calendario de accións previstas da campaña 'Más Plurales, Más Libres, Más Iguales' que puxo en marcha para tentar paralizar a nova lei de Educación, que, ao seu xuízo, foi tramitada "sen o menor consenso coa comunidade educativa nin a sociedade civil".

"Estamos ante un Proxecto de Lei fortemente intervencionista que promove a restrición de dereitos e liberdades cidadás e atenta contra a pluralidade do noso sistema educativo, elemento sen dúbida clave nunha sociedade democrática", critica a plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta