O grupo científico da UDC e o Chuac consegue anticipar a detección de rebrotes analizando as augas residuais

A base científica do proxecto consiste en que as augas residuais que chegan desde as casas á depuradora conteñen os restos de material xenético do coronavirus de todas as persoas contaxiadas, sexan sintomáticas ou asintomáticas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/11/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O grupo CovidBens, formado por un equipo multidisciplinar que inclúe microbiólogos, enxeñeiros, matemáticos, informáticos e químicos da Universidade da Coruña (UDC) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac)-Instituto de Investigación Biomédica (Inibic), logrou anticipar a detección de rebrotes coa análise de augas residuais, segundo informa o reitorado.

En concreto, este grupo leva traballando desde o mes de abril na análise das augas residuais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens para determinar a presenza do coronavirus SARS-CoV-2 na poboación e facer un seguimento da epidemia de Covid-19 na área metropolitana da Coruña.

A investigación finalizou con éxito a súa primeira fase no mes de outubro, "lográndose os dous principais obxectivos previstos". Así, o equipo CovidBens foi capaz de prever os rebrotes epidémicos con dúas semanas de anticipación con respecto aos datos clínicos, a partir da análise da carga viral das augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

A base científica do proxecto consiste en que as augas residuais que chegan desde as casas á depuradora conteñen os restos de material xenético do coronavirus de todas as persoas contaxiadas, sexan sintomáticas ou asintomáticas.

O equipo CovidBens describiu os primeiros modelos estatísticos que permiten estimar o número de portadores do virus na área metropolitana a partir da carga viral nas augas residuais.

"Este sistema epidemiolóxico permite ter unha visión real e completa da magnitude da epidemia, permitindo trasladar a autoridades e epidemiólogos os datos, para que se poidan anticipar aos posibles rebrotes", engade a institución universitaria.

Análise de augas residuais da Edar de Bens para o estudo do Covid. BRUNO AREA - Arquivo
Análise de augas residuais da Edar de Bens para o estudo do Covid. BRUNO AREA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta