Un de cada catro adolescentes galegos fai botellón e as mozas participan máis que os varóns

Unha enquisa entre 4.867 mozos galegos de 12 a 18 anos revela que nestes encontros tamén hai un importante consumo de cannabis e outras drogas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 27,3 % dos adolescentes galegos participa en botellóns, segundo unha enquisa realizada por investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, que piden “incrementar o traballo preventivo a nivel familiar e comunitario”.

Botellón.
Botellón.

A enquisa fíxose a 4.867 adolescentes galegos de entre 12 e 18 anos, dos que un de cada catro recoñeceu ter participado nun botellón polo menos unha vez ao ano, o 14% polo menos unha vez ao mes e o 2,9 % un ou varios días á semana.

Aínda que as cifras supoñen un descenso respecto á ‘Encuesta sobre Uso de Drogas en Enseñanzas Secundarias en España (ESTUDES) 2018-19’, na que se constatou que o 51,3 % dos mozos en España participara en botellóns nos últimos meses, hai que sinalar que esta se centraba na poboación de 14 a 18 anos, mentres que este novo estudo amplía a franxa desde os 12 anos, o cal podería motivar parte dese descenso. De feito, na franxa de 14 a 18 anos as porcentaxes ascenderon ao 36,4  %, o 19,2% e o 3,9 % respectivamente.

Cando se analizaron as cifras exclusivamente en menores de idade, as porcentaxes situáronse no 25,7 % no último ano e do 16,6 % no último mes.

Por sexo, de forma xeral as mulleres presentaron porcentaxes maiores que os varóns: 28,9 %  vs 25,5 % participaron nun botellón no último ano.

Por grupos de idade, alcanzouse unha porcentaxe do 21 % para a participación en botellóns no último ano na franxa de 14-15 anos e do 55,6 % na de 16-18. Esta porcentaxe situouse no 3,6 % nos 12-13 anos.

Analizadas de maneira conxunta as diferenzas por sexo en función da idade, “é na franxa crítica dos 14-15 anos cando as diferenzas entre sexos son máis amplas (19,9 % home vs 24,5 % mulleres no último ano e 4,8 % homes vs 8,4 % mulleres no último mes)”, detallan os autores.

OUTRAS SUBSTANCIAS

Por outro lado, dos adolescentes que recoñecen que participaron en botellóns, o 96,6 % recoñeceu beber alcol cando acode a estes encontros; o 53,4 %, alcol e tabaco, e un 30,2 %, tres ou máis substancias.

Esta práctica, din, asociouse con taxas significativamente maiores de consumo intensivo de alcol (28 % vs 0,9 %), así como de consumo de risco de alcol, cannabis e drogas en xeral.

“A práctica de botellón resultou ser máis frecuente entre aqueles adolescentes que tiñan amizades que consumían alcol ou outras drogas”, explican os investigadores.

O 96,6% dos que practicaron botellón recoñeceron que a maioría dos seus amigos beben alcol cando saen e o 76,1% recoñeceu que se emborrachan; máis da metade referiron que as súas amizades fuman tabaco, unha terceira parte que fuman cannabis e case un de cada dez outras drogas.

PRÁCTICAS DE RISCO

En canto ás prácticas de risco asociadas, as taxas foron significativamente maiores entre os que fan botellón. Destes, un 29,6 % –fronte ao 14,5 % dos que non acoden a estes encontros– asegurou subirse a un vehículo cuxo condutor ía baixo os efectos do alcol, un 25 % (vs 2,6 %) dixo meterse en leas tras consumir alcol ou outras drogas; un 20,2 % (vs 3 %) recoñeceu sufrir un accidente ou lesión, e un 11 % (vs 2,5 %) confesou ser vítima de asalto sexual.

Sobre os hábitos de lecer nocturno, o 96 % dos que participan de maneira regular en botellóns acostuman saír unha ou varias veces ao mes ou mesmo varias veces á semana, porcentaxe que cae ao 41 % entre os que non fan botellón.

Do mesmo xeito, o 63 % dos que acoden a botellóns acostuma chegar a casa pasadas as 4 da madrugada, porcentaxe que baixa a un 12,3 % entre os que non fan botellón.

E en canto ao diñeiro dispoñible, o 26 % dos que fan botellón din dispoñer de máis de 20 euros para saír, cifra que se sitúa nun 18,4 % entre os que non acoden a estes eventos.

Por último, o que motiva aos adolescentes a participar en botellóns é, principalmente, que son unha actividade para divertirse, ligar máis, sentirse feliz e ben, ser máis sociable e caer mellor a outros.

Ante esta situación, os expertos piden ás autoridades “reorientar as políticas de prevención” e “incrementar o traballo preventivo a nivel familiar e comunitario”.

Os investigadores galegos fan públicos os resultados desta enquisa na Revista Española de Salud Pública, da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta