Feijóo: "A vacina contra a violencia machista é a educación despolitizada e en liberdade"

Un acto do PPdeG con mulleres que traballan con vítimas ratifica o aumento das denuncias e acolle o testemuño dunha "sobrevivente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a traballar "as 24 horas e os 365 días do ano" para combater a "pandemia" da violencia machista e chegar a "cero" vítimas. Para iso, apelou á "unidade e ao consenso", e mostrouse convencido de que a mellor "vacina" é unha "educación despolitizada".

Nun acto organizado polo PPdeG, Feijóo defendeu os pasos dados polos populares, "pioneiros" na adopción de medidas, e rexeitou recibir "leccións" de quen non cren no "consenso" e buscan "botar culpas" e "usar a dor" das vítimas de violencia machista para "menoscabar" a rivais políticos.

No polo oposto, situou aos populares, "a disposición para manter en pé un Pacto de Estado" no que Galicia xa ten activas "o 60 por cento das medidas" encomendadas e que prevé cumprir "o cento por cento dos obxectivos".

O tamén presidente da Xunta proclamou que os partidos "teñen que mollarse, pero sen botar a culpa aos demais nin politizar" a violencia machista. "Hai que buscar unha solución, usar a política como unha ferramenta útil e utilizar o consenso contra a barbarie", proclamou.

E neste punto tamén incidiu en que a "vacina" contra a violencia machista ten "un nome" que é "educación en liberdade, despolotizada, sen ideoloxías e en liberdade". Tamén recalcou que debe partir dos propios fogares e, xunto coa educación, incidiu na perspectiva laboral da igualdade, antes de salientar a súa decisión de crear en Galicia unha Consellería de Emprego e Igualdade.

INCREMENTO DAS DENUNCIAS

No acto, que conduciu a dirixente popular e secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, interviñeron varias mulleres que traballan en centros de información ou na atención a vítimas, e mesmo --segundo as súas propias palabras-- "unha sobrevivente": Ana Saavedra, presidenta da Asociación Miraval, de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (Betanzos). Saavedra relatou a súa historia de malos tratos e puxo o acento en como a sociedade "estigmatiza" a vítima mentres "engrandece" o maltratador, sobre todo --recalcou-- nas zonas rurais.

E no acto tamén interviñeron Raquel Touriño, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres en Igualdade de Pontevedra, maría José Novoa, directora da Casa de Acolida para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero con enfermidades de saúde mental e Nazareth González, directora do Centro de Información da Muller da Mancomunidade de Ordes.

Novoa incidiu en que o risco de sufrir violencia multiplícase ata catro veces no caso das mulleres que sofren trastornos mentais graves; mentres que Nazareth González incidiu no "sobreesforzo e sobrecarga" que sufriron os CIM durante a pandemia.

Respecto diso, López Abella destacou o incremento de consultas por violencia machista no primeiro semestre do ano en relación ao mesmo período do exercicio anterior e vinculouno coa pandemia, á vez que lembrou que a Xunta activou un plan de formación e apoio para contribuír a alixeirar a sobrecarga que poden sufrir os centros de información.

Acto sobre igualdade organizado polo PPdeG.. PPDEG
Acto sobre igualdade organizado polo PPdeG.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta