'Profundo malestar' en Verín pola presunta 'falta de equidade' da Xunta coas restriccións

Entenden que manter as medidas especiais de prevención e contención do gromo de Covid19 no Concello de Verín, tras contabilizar 8 persoas afectadas nos últimos vinte e cinco días, supón unha discriminación respecto doutras localidades nas que se eliminaron.

Por X.M. Fernández | Verín | 22/11/2020 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicaba este venres 20 de novembro a orde e o decreto polos que se anunciaba o mantemento das medidas especiais de prevención para a contención do brote epidémico da pandemia COVID-19 aplicadas non municipio de Verín.

Concello de Verín. Foto: XMF
Concello de Verín. Foto: XMF

A resposta do Goberno do Concello de Verín non se fixo esperar e emitiu un comunicado no que, primeiro de todo, agradece o esforzo colectivo da veciñanza na segunda onda de contaxios. Un esforzo que se traduciu nun rigoroso cumprimento das pedidas de prevención especiais decretadas pola Consellería de Sanidade da Xunta contribuíndo con este acatamento a rebaixar o número de persoas contaxiadas pola Covid-19 de 92 a 8 persoas nos últimos 25 días -58 casos por cada 100.000 habitantes-.

Na mesma comunicación remitida á Xunta trasládanlle o "profundo malestar que provocou a decisión entre os sectores comerciais e de hostalería de Verín", un gremio que dende o principio da crise sanitaria local foi o primeiro en solidarizarse cos veciños e veciñas ao decidir un peche voluntario dos seus establecementos antes incluso de que dende a Consellería de Sanidade se decidira tomar medidas especiais.

Dende o Goberno do Concello de Verín consideran que, tras rebaixarse o número de casos co esforzo de todos e todas, a "revalidación das restriccións, asimétricas con respecto a outras localidades nas que xa se teñen eliminado, ou polo menos relaxado aínda tendo unha incidencia maios de coronavirus", supón un trato diferencial que lles prexudica.

Na mesma liña manifestan publicamente "non entender os criterios sanitarios e técnicos seguidos polo comité clínico de expertos para tomar a decisión de non considerar como é debido a retirada das medidas especiais de prevención impostas en Verín, como así o demostra a orde publicada o día 20 no Diario Oficial de Galicia no que parece non valorar dunha maneira equitativa a nosa actual situación".

Poñendo remate ao comunicado oficial, esíxenlle explicacións á Consellería de Sanidade por este aparente trato desigual á hora de valorar a casuística de Verín con respecto a outros concellos e solicitan, en nome da cidadanía de Verín, "que cando se  reúna o próximo comité clínico de expertos o próximo martes teñan o mesmo trato que con outros municipios galegos, nos que si se levantaron parte das restricións, e rebaixe as limitacións impostas, propias dun Nivel 3 de alerta, e que non se corresponden coa nosa situación actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta